A evolución da economía en Galiza marcha por baixo do prognóstico inicial do Goberno pero por encima da media estatal.
No que vai de lexislatura os números do Produto Interior Bruto non evolucionaran en Galiza entre un trimestre e o seguinte de xeito tan moderado. Con todo, o 0,2% que no segundo trimestre do ano definiu o Instituto Galego de Estatística para a economía do país amosa unha lixeira vantaxe sobre o conxunto do Estado español.
O 2,4% de crecemento anual do PIB queda tamén amplamente por riba da media estatal do 1,8%, malia que é case a metade do ritmo de crecemento acumulado que a economía galega amosaba hai un ano. A cifra actual queda ben por baixo do 3,5% prognosticado pola Xunta canda aos orzamentos do último ano, malia que esa previsión xa fora revisada o pasado mes de abril. Daquela, o conselleiro de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, fixara unha redución de sete décimas para a previsión de crecemento do PIB neste exercicio, deixándoa no 2,8%.