Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
GÓMEZ NOYA 4º E RAÑA 5º

Exhibición sen premio do triatlón galego

Bo resultado dos nosos triatletas, que sen embargo non sacia por completo as expectativas depositadas neles.

Redacción - 09:30 19/08/2008

Xavier Gómez Noya partía como gran favorito para a proba de Beixín, a onde chegou como actual Campión Mundial e líder invicto da Copa do Mundo. O ferrolán controlou a carreira en todo momento, nadando entre os primeiros, para facer a transición á bicicleta en 7º lugar tan só 13' detrás do líder Shane Reed e 12' diante de Iván Raña. Os galegos mantiveron boas posicións durante o tramo de ciclismo, sen entrar aos múltiples ataques que se foron sucedendo. A carreira endureceuse a partir da 3ª volta ao circuíto e así, no final da 4ª formouse unha escapada que acadou certas diferencias. Estaba integrada polo mexicano Serrano (que non tardaría en quedarse atrás), o luxemburgués Borkel e o Belga Zeebrock. Non eran corredores importantes, polo que se lles permitiu chegar cunha vantaxe próxima ao minuto ata o comezo dos 10 quilómetros reservados para a carreira a pé.

Exhibición sen premio

Os dous galegos chegaron moi ben situados á segunda transición, e colocáronse nas primeiras posicións do grupo perseguidor que foi mermando a diferencia cos escapados ata neutralizalos ao final da segunda volta ao percorrido pedestre. Desde entón, Raña púxose primeiro, seguido de Gómez Noya. O de Ordes fixo un drástico cambio de ritmo mediado o terceiro xiro, que non acadou o resultado agardado e rematou por pasarlle factura. Iván descolgouse a falta de case tres quilómetros, deixando en cabeza o cuarteto formado por Wihtfield (Canadá), Frodeno (Alemaña), Doherty (Nova Celandia) e o galego Gómez Noya, que o relevou á fronte da carreira.

O ferrolán levou a cabo a súa táctica habitual, consistente nun aumento progresivo do ritmo, pero as súas forzas parecían non estar tan por enriba do resto como estamos acostumados, e os tres rivais aguantaron ata a entrada na recta final. Gómez Noya non é un home de sprint, e pareceu un pouco xusto de forzas ao final, polo que foi o primeiro en ceder cando nos metros finais comezaron os ataques para repartir as medallas. Ao final a sorpresa foi enorme cando o alemán Jan Frodeno acadou a vitoria, primeira para el nunha gran proba, seguido de Wihtfield e Doherty. A 20 segundo do vencedor entraba Xavier Gómez Noya, e só 8 despois facíao Raña.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: