Créase a modalidade de ópera prima ou segunda longametraxe e desaparecen os formatos innovadores e pilotos de televisión.
En total a Consellaría de Cultura destinará a colaborar coas producións audiovisuais en lingua galega 3.1 millóns de euros, é dicir, 800 mil menos ca no pasado ano. Porén, nesta ocasión teránse máis en conta os criterios da importancia cultural da produción (ata 35 puntos dun total de 60), fronte a criterios financeiros (un máximo de 7.5). A convocatoria axústase deste xeito aos criterios estabelecidos pola Comisión Europea. Ademais, a 'contribución creativa' valórase cun máximo de dez puntos e a 'utilización de recursos galegos' en 7.5.
Para a categoría de longametraxes existen tres modalidades: longametraxes cinematográficas, óperas primas (que atinxen tamén ao segunda traballo dun realizador) e películas para televisión. Ofrécense tamén axudas para filmes documentais (de creación ou de difusión cultural) e para longametraxes en soporte dixital.
O prazo para presentar a solicitude é dun mes a partir da publicación das bases no DOG e a axuda a conceder adopta a forma de subvención a fondo perdido.