Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No canto de responder as alegacións

Portos de Galicia acusa os veciños de reivindicacións "folclóricas"

A plataforma Ría Non se Vende recórdalle á institución as ducias de alegacións ao Plano Director de Instalacións Náutico Deportivas.

Redacción - 13:45 18/08/2008

"Estamos bastante en sintonía coas propostas marco dos ecoloxistas, pero cremos que hai que mudar a cultura folclórica da reivindicación sen argumentos porque desatender unha instalación portuaria significa en moitos casos un dano máis grave ao medio ambiente que non actualizala e poñela en uso". Deste xeito se pronunciaba o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga, en entrevista co Faro de Vigo esta fin de semana.

Un pronunciamento que segundo avalían desde o colectivo veciñal Bouzas-Móvete é exemplo do apoio que Portos de Galicia lle outorga a un plan baseado nun modelo económico "privatizador e especulativo, que propón a ocupación e privatización de terreos públicos, que pretende transplantar o insustentábel modelo turístico do mediterráneo". A asociación, integrada na plataforma A Ría Non se Vende, á súa vez dentro da rede Galiza Non se Vende, láiase da indiferenza coa que as administracións tratan o amplo argumentario elaborado por colectivos veciñais e ambientais fronte ao plan náutico-deportivo.

"Resulta coherente que utilice a palabra folclórica de xeito despectivo, unha persoa que pretende destruir a identidade colectiva das vilas mariñeiras, o noso patrimonio marítimo e a nosa paisaxe formigonando o litoral", critican desde Bouzas-Móvete.

Forte impacto ambiental e económico
Entre as razóns que estas entidades esgrimen para criticar este proxecto, está o feito de que fose promovido desde o comezo coa opinión exclusiva do propio empresariado do sector, desde unha perspectiva do deporte náutico "elitista" coa que se xustifican intervencións no medio que os veciños cualifican de "interesadas".

Desde o punto de vista ambiental, as alegacións inclúen a advertencia sobre o impacto na dinámica das correntes mariñas, agoirando que se modificará a liña de costa con moitas praias que quedarán sen area e que se afectarán gravemente algúns ecosistemas dunares. O impacto nas rías implicaría paus diversos sobre a paisaxe submariña, con diminución da depuración natural, e afectación en zonas de alevinaxe e posta dalgunhas especies, bancos naturais e en xeral, perda de biodiversidade. Consecuencias que en último término, prognostican os ecoloxistas que se van traducir nun forte impacto económico sobre as actividades de pesca e marisqueo nas rías.

Critican desde A Ría Non se Vende que o plan de portos deportivos "ignora" todos eses probábeis efectos prexudiciais sobre a costa do país, promovendo unha multiplicación de amarres inédita a nivel europeo. Por este motivo, solicitan que se fagan "estudios serios" que guíen no futuro a construción e ampliación destes peiraos, garantindo o control dos impactos negativos asociados a estes proxectos e apostando por modelos turísticos "sustentábeis".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: