Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Greenpeace pide máis colaboración cidadá

Os lumes máis grandes rematan sen castigo malia aumentaren as condenas a incendiarios

Só un de cada mil incendiarios son xulgados, aínda que Galiza, onde se producen a metade dos lumes do Estado, rexistra o maior número de condenas.

Redacción - 18:00 12/08/2008
Capa do informe

Capa do informe

A organización ecoloxista internacional, Greenpeace, presentou un informe ao que titularon Incendios Forestais, a fin da impunidade?, no que analizan se un dos maiores problemas ambientais aos que se enfronta o Estado Español ten unha acertada resposta xudicial, isto é, se os incendiarios acaban pasando polo xulgado. Neste sentido, o texto conclúe que, pese aos avances, os incendios forestais son, neste Estado, aínda hoxe un delito impune, posto que só un de cada 1.000 responsábeis de incendios forestais acaba sendo xulgado.

En Galiza a cousa é doutro xeito. Aquí é onde se desenvolven a metade dos incendios forestais que se producen anualmente no Estado Español e (segundo a base de datos do Centro de Documentación Xudicial, acrecentada dende a reforma do Código Penal de 1995 e até o 2006), tamén é aquí onde existe o maior número de sentenzas por delito de incendio forestal (53) e o maior número de sentenzas condenatorias (46). Á organización ecoloxista chámalle a atención a ausencia de sentenzas relacionadas cos grandes incendios forestais (os que afectan a superficies que miden máis de 500 hectáreas).

Un traballo que aínda ten moito que mellorar
En Galiza prodúcense unha media de 10 mil incendios ao ano (a metade dos 20 mil que se desenvolven no Estado) mais,segundo Greenpeace, os esforzos feitos polas fiscalías de Medio Ambiente para aplicar o Código Penal foron mellorando -"hai unha maior e mellor investigación das causas e motivacións e, por fin, hai profesionais dedicados á obtención de bos elementos probatorios", contan no informe-. Aínda así, o responsábel da Campaña de Bosques da organización, Miguel Ángel Soto, asegurou, na presentación deste informe, que, "pese a estas boas noticias", a relación entre o elevado número de incendios e as condenas é "aínda demasiado pequena".

Para mudar isto, Greenpeace defende que a vía penal non debe ser nin a única nin a principal ferramenta para previr os incendios, pois tamén se deben ter en conta as apelacións constantes á colaboración cidadá (para identificar e poder axuizar aos incendiarios); dotar aos fiscais de medios abondos para realizar as súas investigacións (para evitar que os casos se sobresean por falta de probas); reforzar o papel das fiscalías de Medio Ambiente (sobre todo, na función preventiva) e realizar un seguimento dos procesos abertos, creando un rexistro sobre a resposta penal.

"No debemos acostumarnos o considerar normal que se descoñeza a orixe do 40% dos incendios que se producen (...) O castigo aos responsábeis dos grandes incendios forestais debe ser exemplarizante para evitar que se produzan".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: