Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ciclismo: KGZ

Mosquera, quinto na Volta a Burgos

Dende o equipo galego din que están na "boa liña para a 'Vuelta'. A Álvaro Pino este resultado "tiroulle unha preocupación de enriba".

Redacción - 11:11 11/08/2008
Ezequiel Mosquera

Ezequiel Mosquera

Na última etapa da Volta a Burgos, e a pesar do ritmo alto e constante que collía a cabeza da carreira, o ciclista do KGZ Ezequiel Mosquera conseguiu manterse no grupo dianteiro. No último porto da xornada o de Teo perdeu un bocado o contacto coa cabeza, mais marcando un ritmo propio conseguiu finalizar no décimo terceiro lugar, o que lle permitiu escalar nove postos na xeral e conseguir a quinta praza.

O debutante Marcos García, en moi boa liña, e Eduard Vorganov eran os seguintes corredores do Karpin Galicia en chegar á meta. Os demáis segundo contan dende o equipo ciclista profesional galego, cumpriron co seu obxectivo de buscar unha axeitada posta a punto para a 'Vuelta a España'.

"Marcho de Burgos cunha moi boa impresión"
Á conclusión da rolda burgalesa, Mosquera declaraba: "A etapa foi moi rápida, unha toleira nos últimos quilómetros. Con todos os portos encadeados non daba tempo a comer nin a beber. A impresión que levo é moi positiva. Marcho moi contento de Burgos, porque en Urkiola non puiden pasar do posto 45 ou 50, e aquí xa conseguín finalizar entre os cinco primeiros".

O ciclista do Karpin Galicia adiantou, ademais, o plan a seguir nas próximas semanas: "O ano pasado a estas alturas estaba bastante peor, polo que creo que xa non necesito máis competición antes da 'Vuelta'. Haberá que seguir adestrando pero con tento, porque tampouco convén apurar a chegada da forma. Agora irei a Pena Trevinca uns quince días con David García e Veloso. É unha zona que está ben para adestrar en altitude sen ter que saír de Galiza".

Por outro lado, Pino anda sen preocupacións
O director deportivo do equipo galego tamén se amosou satisfeito "co resultado deportivo e coa resposta dos corredores. Un quinto posto na Volta a Burgos, cando estamos de preparación para a 'Vuelta' hai que valoralo moi positivamente". Pino tamén confesou que "chegaba bastante preocupado a Burgos", pero que volve "máis tranquilo" porque a "resposta do equipo foi moi boa, dentro do que eran as nosas formulacións".

A Pino quédanlle dúas semanas moi intensas por diante: "Están por un lado os preparativos para a 'Vuelta' e, por outro, o tema deportivo. Irei o próximo sábado a ver a etapa da Volta a Portugal, porque quero observar a corredores como Troncoso, Vladimir Isaychev e Rabuñal, pois son outros que teñen opcións de participar na rolda española, e tamén quero facer un par de adestramentos en Pena Trevinca con outro grupo de ciclistas que están na preselección".


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: