Un estudo revela que en Galiza hai un bar por cada 165 veciños, unha cifra que case duplica a media do Estado.
No panorama económico actual non estamos acostumados a que Galiza lidere as estatísticas: a renda per cápita está por debaixo da media, véndense menos vivendas, estamos á cola do crecemento de poboación e pechamos a lista europea do uso da internet. Sen embargo, se falamos de tabernas, de restaurantes, de tomar un viño ou cear cos amigos a cousa cambia. Galiza está entre os territorios con máis bares por habitante do Estado español e, en consecuencia, da Unión Europea.
Para picar, para compartir a nosa gastronomía, para botarlle un grolo... Temos 16.700 tabernas, máis de 4.000 restaurantes e 1.500 cafeterías. Galiza é, despois de Asturias e Castela e León, o lugar con máis bares por habitante, segundo revela o informe "Alimentación en España 2007", elaborado por Mercasa, unha empresa que depende do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A estatística depara un local por cada 165 habitantes, un dato que dista moito doutros lugares como Madrid ou Cataluña, moi lonxe destas cifras.
Por diante nosa, Asturias e Castela e León contan cun bar por cada 164 persoas. Séguenlle na listaxe, Estremadura, cun local por cada 176 veciños, Cantabria, por cada 180, e A Rioxa, por cada 192. Pechacancelas, Navarra, Madrid e Cataluña contan con un establecemento por cada 297, 271 e 262 habitantes respectivamente. Pero os datos aínda van máis alá: Galiza atópase tamén entre os primeiros postos en canto ao número absoluto de bares, despois de Andalucía (35.981), Cataluña (26.330), Madrid (22.928) e Valencia (20.239).