Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENQUISA SOBRE ECONOMÍA

Pesimismo ante a situación económica

O Índice de Confianza do Instituto Galego de Estatística revela que perdemos confianza en canto á situación financeira persoal e á capacidade de aforro.

Redacción - 19:00 07/08/2008

A crise económica está a callar, non só no noso peto, senón tamén na nosa conciencia. Así se desprende do Índice de Confianza, un estudo que realiza o Instituto Galego de Estatística (IGE) e que revela que en xullo deste ano a nosa confianza se sitúa nos -36,1 puntos, cando no mesmo mes do ano pasado se situaba nos -9,7 puntos. Con todo, neste último mes gañamos en seguridade de cara á economía con respecto a maio, é dicir, hoxe somos máis optimistas que hai un mes, cando o índice recolleu unha importante caída da confianza dos consumidores.

Se estudamos outros indicadores polo miúdo, descubrimos que se incrementan as perspectivas de evolución da nosa situación financeira persoal e da capacidade de aforro, mentres que diminúen os relacionados coa evolución da situación económica de Galiza e o emprego. Así, a confianza dos galegos da situación económica do país baixou un 1,4% con respecto ao mes anterior e máis de 30 puntos con respecto ao pasado ano. Pola contra, os galegos melloraron en xullo as súas perspectivas en canto á súa propia situación financeira e a súa capacidade de aforro: subiu un 4,9% con respecto a maio, malia que mermou con respecto ao mesmo mes do ano pasado.

Comparanza co Estado español
Esta leve recuperación da confianza do consumidor galego con respecto ao último mes, desmárcase da tendencia xeneralizada no Estado, onde o indicador rexistra unha caída de 5,4 puntos con respecto a maio, e se sitúa nos 46,3, o nivel máis baixo dende o inicio do estudo en setembro de 2004.

O Instituto de Crédito Oficial achaca este descenso da confianza ao empeoramento da opinión dos consumidores sobre a evolución económica nos últimos seis meses. Así, entende que a incerteza xeneralizada que están a vivir os consumidores está a anticipar unha importante moderación do consumo privado nos vindeiros meses.


Ligazóns

1/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: