Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
"Quen vai chegar ao podio nos 302 deportes?"

Ouro virtual para Gómez Noya, prata para Cal

A revista estadounidense Sports Illustrated fai as súas apostas e dálle cadansúa medalla aos galegos favoritos. Ao padexeiro de Aldán dálle só un metal nos 500 metros.

Redacción - 11:12 05/08/2008
Gómez Noya en Beixín

Gómez Noya en Beixín

"Medal Picks. Who'll reach the winner's podium in all 302 events" (Selección de medallas. Quen vai gañar e chegar ao podio nos 302 deportes) é o título deste artigo, asinado por Brian Cazeneuve na sección Inside Olympics da revista norteamericana Sports Illustrated.

Nel, o xornalista (enviado especial a Beixín) fai unha estimación das medallas que podería levar cada equipo ou deportista individual en cada unha das 302 disciplinas que compoñen os Xogos Olímpicos de Beixín.

As medallas galegas
Cazeneuve ve medallistas a só dous galegos dos 12 que competirán en Beixín. A David Cal dálle unha medalla de prata no C-1 500 metros, e a Xabier Gómez Noya o ouro na proba de triatlón.

Segundo esta revista, o ouro no C-1 500 metros ha ser para o alemán Andreas Dittmer, e terceiro será o bielorruso Aliaksandr Zhukouski. Nos 1.000 metros non contan que haxa medalla para o padexeiro galego. O primeiro posto danllo ao húngaro Attila Vajda, o segundo ao canadense Thomas Hall, e o bronce sería para o alemán Dittmer.

En canto ao triatlón, dende Sports Illustrated non dubidan que o ouro vaia ser para Gómez Noya, a prata para o neozelandés Bevan Docherty e o bronce para o francés Frédéric Belauvre, principal rival do ferrolán esta ano, na BG Copa do Mundo. Ademais, nesta disciplina fan unha observación ao pé da listaxe de metais, sinalando que "Gómez foi unha vez excluído da competición debido a unha válvula cardíaca anormal", mais non especifican nada máis, nin sequera que podería chegar a ser un problema que afectaba o rendemento e a saúde do triatleta, que xa foi solucionado. Tampouco se conta cunha medalla para Iván Raña.

Quen lles rouba as medallas aos outros olímpicos galegos?

Comezamos cos piragüistas e, segundo esta listaxe, o equipo estatal ha quedar sen medallas (agás a de Cal). No K-4 feminino 500 metros (onde participan as galegas Sonia Molanes e Teresa Portela) gañaría Alemaña, seguida de Hungría e Polonia.

No K-1 500 de Portela a primeira sería a húngara Katalin Kovács, e no K-2 500 de Molanes (e Manchón), as primeiras serían as alemás Fischer e Reinhardt. Perucho, que rema co catalán Saúl Craviotto, non gañará, segundo esta avaliación, ningunha medalla no K-2 500 metros, posto que o ouro sería para os húngaros Kammerer e Kucsera; a prata para a parella alemá e o bronce para a húngara.

En atletismo non habería, segundo a aposta desta revista, medalla nin para Santi Pérez (en 50 quilómetros marcha, que gañaría o ruso Vladimir kanaykin); nin para Sandra Aguilar (en maratón, que gañaría, segundo esta listaxe, a chinesa Zhou Chunxiu); nin para David Gómez (no decathlon, que gañaría o norteamericano Bryan Clay).

Tampouco van poder chegar ao podio a parella formada para competir na clase Tornado de vela, Antón Paz e Fernando Echávarri. No seu lugar levarían medalla os australianos Bundock e Ashby, seguidos dos austríacos Hagara e Steinacher e da parella Booth e Nieuwenhuis, dos Países Baixos.

As mozas do equipo feminino de baloncesto, do que fai parte a ferrolá Tamara Abalde, tampouco subirían ao podio que ocuparían, por esta orde, os EUA, Australia e Rusia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



David Cal, bicando a medalla de ouro gañada no C-1 1.000 metros en Atenas 2004
David Cal, bicando a medalla de ouro gañada no C-1 1.000 metros en Atenas 2004
Portela quedaría sen medalla co equipo estatal, no K-4 500 metros, e soa no K-1, segundo esta revista
Portela quedaría sen medalla co equipo estatal, no K-4 500 metros, e soa no K-1, segundo esta revista
Perucho, que rema con Craviotto no K-2 500 metros, podería quedar sen medalla, segundo a Sports Illustrated
Perucho, que rema con Craviotto no K-2 500 metros, podería quedar sen medalla, segundo a Sports Illustrated
Os campións do mundo na clase Tornado, Echávarri e Paz quedarían, tamén, sen medallas
Os campións do mundo na clase Tornado, Echávarri e Paz quedarían, tamén, sen medallas
A luguesa Alessandra Aguilar tamén podería ficar sen metal no maratón
A luguesa Alessandra Aguilar tamén podería ficar sen metal no maratón