Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Agoiro de Méndez Romeu

Malia a urxencia da reforma, farán esperar a Galiza polos cambios na lei electoral estatal

O conselleiro de Presidencia di que o PSdeG é un partido "socialista, galeguista e touriñista" e define de "leal e cooperador" o BNG no Goberno.

Europa Press - 09:30 04/08/2008

A primeira lei electoral que debe reformarse é a estatal e será "con posterioridade" cando se modifique a galega, de tal forma que esta non se reformará "probablemente" até que o Congreso cambie a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg). Subliñouno o conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, en entrevista concedida a Europa Press.

O titular de Presidencia explicou que a normativa estatal "é marco e afecta a todo o territorio e todos os procesos", polo que considerou que debe levarse a cabo en primeiro lugar e a partir de aí incorporar as modificacións en Galiza.

O Parlamento reclamoulle ao Congreso a reforma da Loreg para que os emigrantes voten en urna e, á súa vez, pediull á Xunta que en Galicia se reduza de oito a tres días o prazo para o reconto dos sufraxios do CERA, unha iniciativa que debe partir do Goberno e que de momento non remitiu á Cámara por diferenzas entre socialistas e nacionalistas ao respecto da interpretación dunha frase.

En canto a outros cambios na lexislación que regula os procesos electorais galegos, Méndez Romeu recordou que se decidiu no seu momento aprazalos até que se reformase o Estatuto de Galicia e lamentou que o PP "non quixera ou non puidese chegar aínda acordo final", deixando a Galiza "nunha posición incómoda" ante outras autonomías que reformaron os seus Estatutos.

Socialismo e "touriñismo"
Por outro lado, o conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, considerou que o PSdeG é un partido "absolutamente unido" na actualidade, no que "non hai correntes organizadas". Romeu definiu a formación como "socialista, galeguista e, se me apuran, touriñista".

Durante a mesma entrevista, Méndez Romeu valorou a "renovación importante da dirección" que se produciu no XI Congreso dos socialistas galegos e, en concreto, destacou a que na súa opinión é a a "valía" da nova secretaria de organización, Mar Barcón, "unha persoa altamente cualificada para a tarefa que se lle encomendou".

Consultado sobre se o ascenso de Barcón, que nos inicios da súa carreira política estivo vinculada ao ex alcalde coruñés Francisco Vázquez, representa a volta do vazquismo ao PSOE galego, Méndez Romeu asegurou que "non existe hoxe unha etiqueta" dese tipo que responda á realidade e garantiu que na formación non hai correntes. "Tampouco creo que as houbera no pasado", engadiu, aínda que recoñeceu que "si estaban máis acentuadas as diferenzas de estratexia", unha situación que achacou a que ao estar na oposición as tácticas a seguir para ter unha posición de goberno "tiñan que ser discutidas con maior vehemencia".
De paso, Romeu referiuse á relación entre os socios do Goberno, e desde a súa posición de coordinación de todos os departamentos da Xunta asegurou que o BNG "foi un socio leal e cooperador" no cumprimento do programa" e restoulle importancia ás discrepancias rexistradas entre socialistas e nacionalistas, que segundo el tamén acontecerían nun goberno monocolor.

"Dende o primeiro día sempre fomos moi eficaces, moi pragmáticos e moi atentos ao interese público", resaltou o titular de Presidencia, que explicou que desta forma se aprobaron con rapidez os asuntos que tiñan unha maior relevancia para os cidadáns. "Sen dúbida, engraxar o mecanismo de coordinación levou algún tempo, pero o paso dos meses foi consolidando uns procedementos de traballo eficaces", dixo Romeu. "Se fago a comparación con outras coalicións que coñezo ben, a situación en Galiza é magnífica", sentenciou.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: