Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reforma lexislativa en marcha

O Goberno sae das fundacións comarcais na procura de "racionalidade" e da dinamización das bisbarras

Logo do fracaso do modelo herdado da anterior etapa de goberno, os recursos das fundacións pasan a ser coordinados pola Axencia de Desenvolvemento Rural.

Redacción - 19:30 31/07/2008

Era un dos compromisos sobre o que especificamente coincidiran PSdeG e BNG no momento de asinar o acordo de goberno e neste treito final de lexislatura farase efectivo. O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, xa avanzara hai algo máis dun mes a principal reorientación do fracasado modelo de comarcalización: a saída da Xunta do padroado das 34 fundacións comarcais que existen actualmente. Este paso provocará a desaparición da maioría destes entes, de xeito que os traballadores pasarán a ser recolocados na Asociación Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e no Banco de Terras (Bantegal).

O anteproxecto da reforma das leis de desenvolvemento comarcal e da lei de creación de Agader recibiron este xoves a beizón do Consello da Xunta. O obxectivo declarado é a "racionalización" dos instrumentos de xestión comarcal e desenvolvemento rural. Con esa fin desaparece a Sociedade para o Desenvolvemento Comarcal, reorganizando as competencias en materia de dinamización a pé das bisbarras que pasan a estar coordinadas coas propias estruturas de desenvolvemento rural do executivo.

Deste xeito, e segundo o deseño realizado polo departamento de Suárez Canal, os recursos dispersos até o de agora en instrumentos intermedios "innecesarios" serán reorientados ao impulso de proxectos innovadores destinados á dinamización económica e social a prol da mellora da calidade de vida no contorno rural. Ademais, segundo o plan de Medio Rural, a nova estrutura permitiría unha mellor aplicación dos fondos de desenvolvemento do programa 2007-2013.

Coa saída da Xunta desaparecerán a maioría das fundacións
Segundo o proxecto do Goberno a propia saída do padroado das fundacións permitirá ordenar o escenario actual destas institucións. Deste xeito, aquelas que xa traballaban dun xeito máis estreito cos sectores económicos e sociais do seu contorno manterían con normalidade o seu funcionamento.

O resto, e a maioría segundo a análise da Xunta, terán autonomía para decidiren o seu futuro, que pasaría pola desaparición ou ben o esforzo por traballar á beira dos sectores estratéxicos e produtivos das respectivas comarcas. Nese sentido, o seu impulso e promoción dependería dos axentes públicos e privados de cada un dos contornos locais.

Doutra banda, a actividade que dentro da propia Sociedade de Desenvolvemento Comarcal se realizaba a través do Sistema de Información Territorial de Galiza, relacionada coa mellora da xestión do territorio e a ordenación do espazo rural, pasa a integrarse nunha nova institución que realiza actividades análogas, o Banco de Terras de Galiza.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: