Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALEXANDRE NERIUM, POETA

"A Costa da Morte non pensa no AVE, pensa en poder chegar a Santiago nunha hora e media e non en catro"

Presenta o seu poemario, 'Nocturnidade do sal', este venres en Fisterra.

Marcos S. Pérez - 09:30 01/08/2008

Francisco Manuel López Martínez, Alexandre Nerium, apañaba os longueiróns en apnea. A soidade do océano. Despois, no inverno, pasaba moito tempo sen ir ao mar; nestes meses nos que non había gran cousa que facer comezou a escribir poemas. Pouco despois comezaron a chegar algúns premios, como o Rosalía de Castro de Cornellá ou o Johan Carballeira (polo seu poemario Vogar de couse).

Presenta agora Nocturnidade do Sal, composto por poemas escritos hai tempo, pero nos que pesou a influencia do contacto de Alexandre Nerium co Batallón Literario da Costa Morte (moi especialmente con Rafa Villar, Estevo Creus ou Miro Villar). Os versos teñen a forza do mar de Fisterra, son crus e feren, arrastran ao lector contra as rochas. Falan de soidade e de decepción, do longo inverno da Costa da Morte.

O libro preséntase este venres ás nove da noite no hotel Cabo Finisterre de Fisterra, onde Alexandre Nerium estará acompañado por Ramón Vilar, director de Vieiros, e os profesores Francisco Fernández Rei, Xosé Luís Axeitos e Xosé María Dobarro, ademais de Xesús González Gómez, director da colección 'Edoy Leliadoura' da editorial Sotelo Blanco, que publica a obra.

Os poemas provocan unha enorme impresión de soidade, non sei se é debido a ter sido escritos no mar, co mar como principal influencia

Moita soidade, si. Eu teño un verso que di 'levamos o crepúsculo tatuado nas cavernas'. Son poemas moi tristes. Ese verso reflite todo o abandono que hai na Costa da Morte. O crepúsculo é o último punto, onde non chegan as cousas, iso levámolo nós tatuado, porque nós somos o barco que temos que levantar esta zona tan deprimida como é a Costa da Morte.

Nos poemas a Costa da Morte é protagonista, teño a impresión de que é o actor principal, personalizado, ao igual que nos poemas doutros se lle fala á persoa amada ou a unha persoa ausente. É así?
Na miña poesía toco moito a memoria, a xente que traballou e que nos levou arriba a nós. Tamén falo daquelas mulleres que se levantaban ás tres ou ás catro da mañá a enrolar as crinas de cabalo, as xedas, para facer as xenelas. Aquelas que labraban todas as terras. E aquelas que ao chegar os homes do mar cargaban os cestos con corenta ou cincuenta quilos de peixe para ir ao troco, para cambialos por produtos agrícolas, descalzas, coa cabeza cargada.

Es pesimista ou optimista de cara ao futuro?
O futuro está no turismo, a pesca a ver se se aguanta, pero a xente marcha, marcha moita xente. A Costa da Morte non pensa no 2012 cando chegue o AVE, pensa no 2020 cando nós en autobús podamos chegar de Fisterra a Santiago en hora e media, porque hoxendía lévanos catro horas para chegar a Santiago. Pode haber máis depresión que esa?

E está tamén o tema da emigración, de toda a xente que segue marchando...
Nun dos seus caligramas escribo 'Na costa a emigración enxendra morte'. Se marcha a xente nova, que queda aquí? Marchan, mercan un piso fóra e xa non volve, volve de visita, quédalles aquí unha casa para vir de vacacións. E despois xa ves o que hai, as construcións masivas de edificios para os madrileños. Hai dez anos un piso valía sete millóns de pesetas, hoxe vale 35 millóns. Como vai mercar un piso unha persoa que viva do mar.

Que pode facer a poesía fronte a iso? Serve para algo?
O Batallón Literario apareceu un pouco por iso, por levantar un pouco a voz e que se viran estas cousas, para poder falar do que pasa. Aínda que teñamos a paisaxe máis bonita do mundo, vivir aquí é moi difícil, sobre todo para os mariñeiros, se lles veñen 15 ou vinte días de mal tempo. Porque aquí segue índose á parte, a quiñón, cada un leva unha parte do que se pesca.

Cal é a Nocturnidade do Sal? A que fai referencia o título?
Nocturnidade é a realidade cotiá na que está inmersa a Costa da Morte, na que estamos mergullados, a que está dentro de nós. É a nosa vida. E o libro leva tamén un subtítulo, que é Trala raxor do día. Se te fixas, o poemario vai dende a raxor, que é a primeira palabra, ata a auga tinta. Os mariñeiros non se rexen pola claridade do día, nin polo resplandor do sol, os mariñeiros réxense pola auga. Cando lle chega a luz do sol, a auga faise transparente, até que acaba na auga tinta, que é cando volve perder a transparencia, e por iso se rexen os mariñeiros, polas augas e tamén polas mareas. O día importa pouco na pesca, como non importa por exemplo o outono. Os mariñeiros miran sempre para o mar, o que miran son os temporais que lles afectan a eles, no lles importa moito que caian as follas, o outono como se ve desde terra. Mírase cara ao mar, que de onde veñen os malos tempos e o inverno. En Fisterra dise por exemplo 'ao chegar a Xunqueira, o inverno cheira'. A partir do quince de agosto xa empeza o inverno, que non o outono.

No libro chama a atención a riqueza da linguaxe, termos mariñeiros algúns dos cales só se utilizan na Costa da Morte ou mesmo só en Fisterra. Estase a perder esa riqueza tamén?
Si, cada unha das dez partes titúlase cunha palabra que se utiliza aquí e que non vén nos dicionarios, palabras mariñeiras: por exemplo a raxor significa o abrir do día, despois ven o xaramiño, que é un remuíño de auga ou de area que se produce polo vento, e frieiro (corrente de auga fría que fai poñer as pezas ao fondo), garoupa, olladal, lañeira...


4,25/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: