Din que a conselleira de Vivenda foi a arquitecta encargada dun dos bloques de vivendas dos que o Consello fala de "atraso" e "sobreprezo".
"Algunhas das súas interpretacións calcan literalmente os argumentos políticos utilizados desde a Xunta ao inicio da actual lexislatura para tratar de desprestixiar ao partido maioritario", retrucaban este mércores desde o PpdeG, malia subliñar o seu "respecto por este órgano independente".
De paso, o voceiro do grupo parlamentario do PpdeG, Manuel Ruíz Rivas, fala de "insidias" ao referirse ás autorizacións de centrais hidroeléctricas. A pesar dos datos do informe do Consello de Contas, Rivas asegura que "foron efectuadas dentro do máis escrupuloso respecto á legalidade".
"As dúbidas que recolle o Consello de Contas xa foron utilizadas politicamente polo bipartito ao inicio da actual lexislatura para tratar de desprestixiar ao PPdeG, sen que conseguisen demostrar irregularidade algunha", opina Ruíz Rivas, quen desafía a socialistas e nacionalistas a iren aos xulgados "se están seguros de que se cometeron tales irregularidades".
Por outra parte, aproveitan os populares para asegurar que a Consellaría de Vivenda "recibiu vivendas en mal estado e máis concretamente que tres bloques recepcionados sufriron atrasos e sobreprezos inxustificados". Ao fío, dun dos bloques aos que se refire o Consello, critican que figura como arquitecta a actual conselleira de Vivenda, Teresa Táboas.