Até catro espectaculares citas para os afeccionados á música tradicional.
Intercéltico do Morrazo (Moaña, Pontevedra)
O festival da música tradicional e as novas tendencias. Xa son vintecatro anos de folk internacional pola banda do Morrazo. Dende o xoves 31 de xullo e até o domingo 3 de agosto terá lugar un festival celta que vén de lonxe. O Intercéltico do Morrazo, que comezara en 1985 para financiar unha viaxe da banda de gaitas Semente Nova ao festival de Lorient, pasou de xestión pública a privada, da gratuidade ao previo pagamento, de tres días a unha semana... -e logo volta a ser público, de balde e concentrado nunha fin de semana.
A XXIV edición do festival da música tradicional e as novas tendencias ten proxección internacional e está aberto a novas músicas folclóricas. Este ano haberá actuacións de Four men and a dog, Noitarega, Susana Seivane, Shooglenifty e máis.
Intercéltico de Sendim (Miranda do Douro, Portugal)
O Festival Intercéltico de Sendim vai comemorar a súa novena edición en 2008 esta fin de semana cun cartaz cheo de actuacións de grupos de renome no folk europeu. A noite do venres, marcadamente ibérica, con actuacións a partires das 22 horas dos portugueses Ginga (Coimbra), Skanda (Astúrias) ou Luar na Lubre (Galiza). No dia seguinte chegan as grandes atraccións internacionais, con Kerekes Band, Voanerges e Shooglenifty. En representación local, os Pica Tumilho prometen ofrecer un espectáculo de rock agrícola.
Cómpre referir que, se ben a asistencia é de balde na noite do domingo, a entrada aos concertos dos días anteriores han custar 12,5 €. Alén de todo isto, o festival virá acompañado de workshops e animación de rúa.
Festival de Pardiñas (Guitiriz, Lugo)
O Venres 1 de Agosto, comezou o XXIX Festival de Pardiñas, a feira e a festa da música e da arte cunha mostra de teatro. A Asociación Cultural Xermolos, organizadora do festival, ten xá preparada a festa dun dos festivais mais antigos e con mais sona da Galiza.
O Sábado 2 de Agosto poderemos gozar da Mostra de Artesáns e Lutiers, a XXIX Maratón de Guitiriz e concertos con: Clan Maragato, Manecas Costa, Sherpah e Zënzar. O domingo 3 continúa a festa con Tiruleque, Marenostrum e Les Trompettes du Mozambique
Interceltique de Lorient (La Bretagne, Francia)
E todos estes festivais mentres dá comezo o Festival Interceltique de Lorient, na Bretaña francesa. O FIL deste ano que, por outra banda, trae como convidado de honra ao país de Gales, terá marcada presenza galega, con Mutenrohi, Leilía ou Quempallou.
Esta festa, a se renovar continuamente, non a perden os amantes da cultura céltica de todo o mundo, que este ano han gozar entre o 1 e o 10 de agosto da música e dos mellores espectáculos nun ambiente de convivencia.