Minguou o número de gobernos locais que burlan a institución, pero aínda son 58 dos 315 os que non informaron da súa xestión en 2005, último ano estudado.
"Vai unha evolución positiva a cada ano, pero aínda queda pendente", explicou este martes Antonio López, conselleiro maior do Consello de Contas. Ao órgano fiscalizador faltáronlle para o exercicio de 2005, o último analizado, os datos de 58 dos 315 municipios do país. Así e todo, López recordou que no ano anterior foran até 86 os que fallaran ao deber de presentar as contas.
A institución tamén revisou as contas das catro deputacións provinciais e de entidades diversas, até un total de 477, 299 delas referidas á administración local e 168 á autonómica. De entre o 18% de Concellos que quedan por presentar datos, a maioría son pequenos municipios de menos de 5 mil habitantes. O conselleiro maior engadiu ademais que a institución á que representa lles está dar a cada paso máis facilidades aos gobernos locais para cumpriren con esta obriga.
Unha das próximas novidades será o despregue, desde o exercicio en curso, dunha plataforma telemática para a rendición de contas, con aplicacións informáticas específicas para chequear contas e detectar erros. Tamén se coordinará co Tribunal de Contas para que o intercambio de información con este organismo fiscalizador estatal evite a duplicidade de documentación para os entes locais.