Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Enquisa de CLIMA SOCIAL

A cidadanía valora peor a situación xeral da economía ca a súa propia

A Xunta sae ben parada do estudo, pois só o 1,2% da cidadanía lle atribúe a responsabilidade da situación económica.

Redacción - 13:30 29/07/2008

O estudo do Clima Social de Galiza correspondente aos meses de xuño e xullo de 2008 está especialmente marcado pola crise económica. Así, con respecto a anteriores enquisas, o informe presentado pola Secretaría Xeral de Análise e Proxección da Presidencia da Xunta amosa un empeoramento de practicamente todas as variábeis.

O secretario xeral, Xosé Manuel Rivera Otero, quixo salientar que, a pesar de que o 57,6% das persoas enquisadas valoran a situación económica do país como mala ou moi mala, esa percepción non se corresponde coa súa situación económica persoal, que só considera mala o 26% dos enquisados. É dicir, que a crise se percibe como algo máis alleo ca particular.

Outro dos datos que salienta a secretaría xeral é o feito de que a meirande parte das persoas enquisadas consideran que a crise económica está provocada polos mercados internacionais (41%), mentres que tamén ten responsabilidade o goberno do Estado (22,3%) e a Unión Europea (16,5%). En cambio, só o 1,2% lle atribúen culpa da crise á Xunta.

Quizais por iso, o Goberno aínda acada a aprobación do 52% da cidadanía. A intención de voto directa favorece ao partido do presidente da Xunta, co 23,4%, fronte ao 21,4% do PP e o 13,6% do BNG, que medra fronte á anterior enquisa. Porén, o 24,7% dos enquisados non se decidiu aínda por ningunha opción electoral. Os dous líderes do Goberno aproban (Emilio Pérez Touriño leva un 5,49 e Anxo Quintana un 5,04), mentres que o líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, queda cun 4,46.

A cidadanía séguese a manifestar maioritariamente tan galega como española (61,5%), fronte ao 22,6% que se ve máis galega ou só galega e o 14,2% que se considera máis española. No que se refire aos principais problemas do país, a crise económica vólvese facer notar: encabezan a clasificación o paro, o atraso económico, as baixas retribucións e a vivenda.

Percíbese, ademais, que a situación económica galega é semellante ou algo peor á do resto do mundo e á do resto das comunidades autónomas, e o 55,2% considera que a crise aínda está a comezar, polo que prevé que irá a peor no futuro. Porén, o 60,4% non vai, polo momento, variar os seus hábitos de consumo.


2,33/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: