"Cando o BNG está presente, Galiza conta", insistiu o voceiro nacional do Bloque.
"O problema en Galiza non é que Zapatero pacte ou non, senón que Galiza conte ou quede excluída", explicou Anxo Quintana cara ao final da súa intervención durante o acto de Galeuscat en Compostela este sábado. Quintana asegurou que cando o Bloque queda á marxe dos pactos "Galiza perde". "Se non está o BNG non está Galiza", lamentou.
O líder nacionalista elixiu ao respecto o exemplo da negociación dos anteriores orzamentos xerais do Estado e referiuse despois á lea para a consecución dunha comisión de seguimento de infraestruturas. "Non queremos que nos volvan asegurar que o TAV vai chegar en 2012", dixo, "non esperabamos que nos dixesen nada diferente a iso". "O que queremos son feitos"; insistiu, lembrando a petición dunha comisión bilateral onde se presenten de xeito concreto plans de investimentos.
"Galeguista pode ser calquera, cantos máis mellor", concedeu Quintana, pero precisando a continuación que "ser galeguista é incompatíbel con actuar ao ditado de Rajoy e Zapatero". "Hoxe máis ca nunca, o BNG séntese o Partido Galeguista do século XXI", afirmou, retrotraéndose á memoria dos galeguistas históricos e os seus desexos de "pluralidade e democracia" e asegurando estar convencido de que "en Galiza existe unha maioría social galeguista".