A Comisión Europea adoptou unha proposta de regulamento que prohibe a comercialización, na UE, de peles, cremas, alimentos e outros.
Unha foca a piques de ser matada cun 'hakapik'
A Comisión Europea presentou unha proposta de regulamento que prohibe a comercialización, na UE, de produtos derivados das focas "abatidas e esfoladas mediante procesos dolorosos ou crueis".
A compra-venda destes produtos "só será permitida de haber garantías de que foron empregadas técnicas de caza que cumpren as normas de benestar animal e de que os animais abatidos non sufriron necesariamente". Neste sentido, contémplase que, nos países onde se cacen focas, débese estabelecer un sistema de certificación, mediante visíbeis rótulos, para garantir que os produtos cumpren as normas.
Esta proposta aínda debe ser presentada no Parlamento Europeo para a súa aprobación.
A dificultade de estabelecer o que é "non sufrir necesariamente"
A normativa europea contemplaría que só se comercializarían na UE aqueles derivados de focas que foron cazadas de "xeito compasivo", mais é abondo complicado definir que matanza foi compasiva, e cal non.
"Persoalmente, non me gusta ningún tipo de matanza, pero imos seguir o que a ciencia nos diga que non causa dor innecesario ou sufrimento aos animais", apuntou o comisario europeo para o Medio Ambiente, Stavros Dimas.
Un informe da Autoridade Europea para a Seguridade Alimentaria subliñou, o ano pasado, varias causas de sufrimento innecesario, como as trampas submarinas, que provocan a morte por afogamento. Tamén recomendou que se lle dispare ás focas, ou que se lles crave a unha punta na cabeza primeiro, e que despois se comprobe con exactitude se están mortas, antes de sacarlles o sangue e esfolalas.
A caza da foca
Existen no planeta 30 especies de focas que viven, en xeral, nas costas das rexións polares e subpolares, aínda que tamén se poden atopar nalgunhas rexións máis temperadas. Destas 30 especies, 15 son as cazadas, e teñen unha poboación estimada de 15 e 16 millóns de individuos.
No Canadá, Groenlandia e Namibia captúranse o 60 por cento das 900 mil focas que se matan cada ano para aproveitar as súas peles para confeccionar pezas de roupa ou elaborar cobizadas cremas; mais tamén se cazan focas en Islandia, Noruega, Rusia, EUA e, na Unión Europea, en Suecia, Finlandia e no Reino Unido.
No Canadá, un dos principais exportadores de produtos derivados das focas, a tempada de caza é unha caste de febre do ouro que xunta milleiros de cazadores nas zonas habitadas por estes mamíferos, e, pese ás constantes protestas de grupos defensores dos dereitos dos animais, cazan preto de 350 mil exemplares de focas arpa (as que teñen entre 12 días e 12 meses de idade, é dicir, aquelas que aínda conservan o prezado pelaxe Branco).
Normalmente son cazadas empregando un hakapik (pau longo cun garfo na punta), co que se lles bate con forza na cabeza, sobre as témporas, tentando non estragar a pel (a principal razón pola que se prefire este instrumento a outras armas como os rifles). Ás veces as focas quedan malferidas, semi-inconscientes, mentres son esfoladas, cousa que indigna máis aínda aos activistas prol dereitos dos animais. Tamén se contempla, nas protestas contra a caza das focas, que a súa poboación vai minguando cada ano máis, debido, tamén, ao desxeo, que vai terminando co seu hábitat natural.