O Concello constituíu a mesa de contratación para a prestación do servizo na zona vella, que inclúe tamén once puntos Wi-Fi en prazas.
Parte dunha panorámica de Compostela / Flickr: Estribiyo
O Concello de Santiago de Compostela, a través da Concellaría de Rehabilitación e Cidade Histórica, constituíu este mércores a mesa de contratación do subministro e posta en andamento da rede WiMAX que cubrirá a zona vella da cidade. A responsábel do departamento, a nacionalista Olga Pedreira, presidiu o acto de apertura de plicas e verificación de documentación.
No total, son once as empresas que optan ao contrato público para implantar a rede sen fíos no casco histórico e a posta en marcha de varios servizos sobre a infraestrutura, ademais da xestión, mantemento e explotación da rede por tres anos. Das once firmas aspirantes, hai tanto empresas da cidade como de Galiza, do Estado e multinacionais. Un comité de expertos, liderado polo xefe de informática do Concello, Xesús Rodríguez Castro, avaliará cada proposta.
O acceso á internet de banda larga sen fíos mediante a tecnoloxía WiMAX é un dos servizos que a Oficina de Cidade Histórica e Rehabilitación pretende introducir na zona monumental, dentro da liña de actuacións que pretenden preservar e poñer en valor toda a súa riqueza.
Para garantir a máxima cobertura, a concellaría proxecta instalar tres antenas WiMAX en lugares estratéxicos para cubrir practicamente toda a Cidade Vella de Compostela. A rede WiMAX principal complementarase coa colocación de 11 puntos Wi-Fi nas prazas do casco monumental para conexións ao aire libre.