Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Adega quéixase dos criterios "caprichosos"

Á medida de quen dará Medio Ambiente as axudas a colectivos do sector?

A consellaría deixa de valorar antigüidade, traxectoria, voluntarios ou mesmo recursos adicados a proxectos ambientais na convocatoria de axudas a asociacións.

R. Noguerol - 09:30 22/07/2008

"Calquera asociación recentemente constituída cun número de socios mínimo, sen traxectoria previa nin criterios que avalen a súa solvencia, está nas mesmas condicións que entidades con milleiros de socios, persoal propio, décadas de traxectoria, experiencia e compromiso ambiental probados", denuncian desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, ao respecto da convocatoria de axudas a entidades ambientalistas de 2008.

Unha decisión que en opinión de Adega é exemplo do manexo "caprichoso e pouco transparente" dos cartos públicos. A convocatoria estabelecida ao fío pola Consellaría de Medio Ambiente evitou pasar pola peneira do Consello Galego de Medio Ambiente e tampouco foi debatida no Observatorio Galego de Educación Ambiental. De paso, atrasou a súa publicación con criterios non revelados, e ao tempo modificou "radicalmente" as bases e baremos.

Criterios "subxectivos"
As novas bases optan por consideracións "subxectivas" e "faltas de criterio", en opinión de Adega. O máis grave, segundo denuncian, é que deixa de avaliarse "a solvencia dunha entidade á hora de recibir fondos públicos".

Consultados por Vieiros, diversos colectivos vencellados ao ecoloxismo galego, afirman ver con estrañeza a introdución de apartados específicos na convocatoria que fixan axudas concretas para "federacións" de colectivos ambientais. Trátase dunha tipoloxía non introducida até o de agora, malia a existencia desde hai tempo dunha plataforma que agrupa os principais colectivos ambientais do país, a Federación Ecoloxista Galega.

O novo criterio para a recepción de axudas coincide no tempo coa aparición da chamada Federación Galega do Medio Ambiente, integrada á súa vez por máis de trinta colectivos que, na práctica maioría, desde as asociacións con máis longa traxectoria no ecoloxismo do país, din descoñecer. Casualmente, a convocatoria de 2008 inclúe un apartado de "investimentos" exclusivo para as federacións, que ademais tamén poden concursar no resto de apartados. Por exemplo, de forma concreta, para investimentos a realizar por estas federacións fíxanse até 2.500 euros por cada entidade adherida até un máximo total de 70 mil euros por ano.

Desde Adega pídenlle á Consellaría de Medio Ambiente a modificación da norma e a aplicación de criterios "claros" relacionados coa "orientación e calidade" das actividades subvencionábeis. Durante a tarde do luns non foi posíbel obter unha resposta oficial desde a administración ao respecto destas reclamacións.


Ligazóns

4,33/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: