A Plataforma Salvar o Tren continúa as mobilizacións contra o desmantelamento dos servizos coa escusa da chegada do TAV.
A Plataforma polo Tren de Proximidade en Galicia, "Salva o tren", concentrouse este domingo na localidade pontevedresa de Portas, desde onde protestaron polo que cualifican de "asañamento" do goberno español con Galiza. Na opinión da plataforma, esta actitude conta coa "aquiescencia" da Xunta.
A mobilización chega tras a perda do servizo ferroviario na localidade. Ademais, as 15 asociacións que conforman a plataforma en defensa do ferrocarril en Galiza consideraron a última actuación do Ministerio de Fomento, desmantelando a vía "empregando a noite como acubillo cal delincuentes", como un "golpe baixo" aos cidadáns.
Carta aberta de Fernando Gómez, coordinador xeral da Plataforma Salva o Tren:
Como probablemente saiban, a nova "Variante de Portas" porase en funcionamento a fin de semana do día 20 dos correntes. Estamos xa que logo a 10 días desa data, co que para nós comeza "a conta atrás".
Pero non soamente para nós, a esperanza e o desexo de todos os galegos de poder ter algún día un tren de Proximidade desvanécese como o fai un moribundo que asiste aos últimos latexos do seu maltreito corazón.
É unha pena que desde este goberno do PSOE se estean perdendo os máis fundamentais principios de igualdade, respecto ao cidadán, amor á Democracia e tantos outros valores que representan tan nobres siglas.
Como é posíbel que Galiza sinta e sufra este desprezo do partido que manexa desde Madrid o destino do Pobo Galego? Eu non son un experto en leis, nin un Político de carreira, nin tan sequera un afiliado encabuxado, é máis, nin sequera son un afiliado, pero nestes momentos de tristeza nos que Galiza vai perder o que por dereito como pobo lle pertence, síntome como un accidentado ao perder as súas pernas, como un paxaro cando o meten na gaiola, como unha muller maltratada e que ve próxima a súa morte.
Só quero dicirlles que non vale estar aí, representando a un Pobo que lles vorou e ao que non representan. Sempre hai medidas, formas de actuar, talante (non sei se oíron esta palabra antes), métodos degradados - como dicimos no argot industrial-, en fin, xeitos de solucionar un problema urxente de dignidade como cidadáns e de necesidade para a xente. O único que fai falta é ter gañas de loitar por aquelas causas nas que un cre, sentir o que se quere e buscalo. Pero vexo que no Goberno de Galicia só lles interesa "o que fai bonito nos titulares do xornal".
Recentemente díxenlle a unha parlamentaria: "O Goberno de Galicia non sabe o que lle preocupa ao PObo, non esta en a rúa. Ao Pobo preocúpalle como fará cando non teña tren e teña que ir a un hospital, cando os seus fillos non poidan ir estudar, como chegar a fin de mes". Realmente pensan que á xente lle preocupa se o AVE chega en 2012 ou en 2020? Por favor, saian á rúa, e pregunten polas decenas de localidades de Galiza que quedaron sen o seu tren ou que quedarán.
Nunca crin que tería que sentir o que sinto, nin berrar o que berro. Xa non teño máis nada que dicir, soamente que desde aquí abaixo, desde o máis profundo do sentimento do Pobo galego, porque a coraxe da xente é moi grande e o noso obxectivo moi xusto, seguiremos pelexando contra vento e marea.
*Carta enviada a Abel Losada (Director Xeral ddo gabinete do Presidente da Xunta e antes portavoz de Infraestruturas do PSdeG-PSOE); Pablo López Vidal (actual portavoz de Infraestruturas do PSdeG-PSOE); Carme Cajide Hervés (parlamentaria do grupo do PSdeG-PSOE)