Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ROXELIO PÉREZ, PROFESOR DE EDAFOLOXÍA

"A nosa paisaxe xa non se corresponde coa nosa identidade cultural"

Un curso de verán da Universidade de Santiago profunda nas diferenzas entre a nosa paisaxe e a percepción que temos dela.

Isabel G. Couso - 09:30 21/07/2008

A literatura, o pensamento político, a arte ou mesmo a publicidade contribuíron a crear un estereotipo paisaxístico co que identificarnos. Sen embargo, a imaxe da nosa paisaxe mudou moito co tempo, sen que a nosa percepción evolucionase canda ela. Tal é así que imaxe cultural e imaxe real da paisaxe non son xa equivalentes para nós.

'Noutro tempo a nosa paisaxe agraria tradicional era a máis fidedigna expresión da nosa identidade', di Roxelio Pérez Moreira, director do curso de verán que está a tratar este tema en Monforte de Lemos. Se reparamos na historia, o nacionalismo atopou na paisaxe un dos símbolos máis claros de diferenciación, de igual xeito que as particularidades paisaxísticas foron recreadas polos intelectuais. En contraposición, esa imaxe ideal está cada vez máis afastada do país real.

Roxelio Pérez proponnos un exemplo: 'se buscamos no noso imaxinario unha estampa que reflicta unha paisaxe do monte galego acudiríamos a unha Galiza boscosa, con especies autóctonas como carballos ou castiñeiros. Sen embargo, máis do 70% dos nosos montes defínense por árbores ben diferentes a estas'. A urbanización, os cambios de uso da terra, as diferenzas no manexo do entorno... mudaron xa a imaxe real da nosa paisaxe.

Ollada identitaria
Outra cuestión é a conveniencia ou non de mudar esta percepción. O debate queda aberto: ¿deberiamos identificar a Galiza cunha imaxe de tendidos eléctricos, novas urbanizacións, galpóns, e adosados? Pérez Moreira asegura que a real é unha paisaxe caótica e de difícil lectura e que os cambios no territorio foron tales que non houbo unha evolución, senón degradación. A súa asunción tería consecuencias, se cadra para potenciar unha maior preservación da paisaxe tradicional, ou se cadra, non tería este efecto.


Ligazóns

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: