Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
TRAS SETE DERRUBAMENTOS

O Museo de Historia Natural máis importante de Galiza non se pode visitar

A Sociedade Galega de Historia Natural agarda o informe do concello para volver a abrir despois de que caese parte do seu teito. Tamén esixen a súa nova sede.

Isabel G. Couso - 09:30 21/07/2008

Un ruinoso edificio decimonónico, compartido por exemplo cunha confraría da semana santa ferrolá, é o espazo expositivo co que conta a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en Ferrol. Entre cascallos, e teitos apuntalados, pódense contemplar especies únicas a nivel mundial, como o fósil vivinte dun tabeirón anguía ou unha lura xigante de oito metros.

Un cartel na súa porta informa dos 'problemas técnicos' que obrigaron ao peche deste Museo da Historia Natural. O pasado 4 de xullo, a SGHN tomaba a decisión ante a imposibilidade de garantir a seguridade dos seus visitantes. Unha vez máis, e xa van sete, un derrube enchía de cascallos a entrada da sala expositiva do recinto. Desta vez foi o teito, que caeu, por sorte, de madrugada, e cando ninguén visitaba a estancia.

Agora, e co teito xa novamente apuntalado, agardan a que o concello de o visto bo á reapertura, cun informe que certifique a seguridade para os visitantes. Pola súa parte, o municipio ferrolán xa elaborou un informe técnico abordando aspectos vencellados coa seguridade, como o risco de incendio, a utilización e o estrutural. Nos dous primeiros casos evidencian que existen 'pequenos defectos subsanabeis' e que atinxen a aspectos como o alumeado de emerxencia, a non existencia de rampas de accesibilidade e á falta de sinalización de saídas de incendios. Mentres, a cuestión estrutural requirirá un segundo estudo, que se abordará nos vindeiros días.

Traslado pendente
Hai xa cinco anos que a SGHN está a agardar pola súa nova sede. Será a chamada 'casa do coronel', un espazo que permitiría a exposición da totalidade dos fondos cos que conta a entidade. Na actualidade, neste edificio vello só poden amosar o 20%. Unha mostra é o exemplo dunha colección de cunchas única no mundo, recollidas polo almirante Claudio Montero de Gay, e que suma 3.000 exemplares, algúns xa desaparecidos. Despois de estar exposta un ano no Museo do Prado, agora está gardada en caixas, ante a imposibilidade de exhibila en condicións.

A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia o retraso, e lamenta que as 10.000 persoas que cada ano visitan o museo non poidan gozar cos fondos dos que conta a entidade. Mentres, o concello asegura que mantén o seu compromiso e que está a traballar para que a nova sede cumpra coas demandas da entidade: un espazo para oficinas, outro para a biblioteca, unha sala de recuperación de mamíferos mariños e tartarugas e un salón de actos, ademais da sala expositiva.

Os 540 socios que conforman a Sociedade agardan o cumprimento deste compromiso e, despois de cinco anos de espera, aspiran a que o Museo de Historia Natural máis importante de Galiza e un dos máis destacados de Europa polos seus fondos, poida ser contemplado nunhas condicións parellas á súa calidade.


Ligazóns

5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: