Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRISE ENERXÉTICA

Taxistas e armadores experimentan co gas licuado como alternativa á gasolina

A suba do prezo do combustible fai que os sectores que dependen do carburante estuden opcións máis baratas e menos contaminantes.

Redacción - 12:00 14/07/2008

Primeiro foron os armadores de Celeiro (Viveiro) e agora os taxistas de Vigo. O prezo do petróleo dispárase e con el multiplícanse os gastos daqueles profesionais que teñen unha importante dependencia do combustible. A situación obriga a estudar alternativas, e unha semella ser o gas licuado.

A cooperativa de taxistas de Vigo está a impulsar o emprego de vehículos de enerxías renovábeis e, despois da utilización de seis taxis híbridos, súmanse agora á utilización de vehículos de GLP, é dicir, gas licuado de petróleo. O uso deste combustible conleva un aforro económico, xa que o seu custe equivale á metade do da gasolina. Pero non só iso: o GPL reduce as emisións de óxidos de nitróxeno nun 90%, polo que se reduce a contaminación e mellórase a calidade do aire. Os taxistas vigueses, sen embargo, están a agardar algún tipo de axuda para a súa adquisición, que podería vir do concello, quen estuda esta posibilidade.

Segundo datos da Asociación de Operadores de Gases Licuados de Petróleo, en Europa existen xa uns 6 millóns de vehículos alimentados con GLP e é un carburante empregado por case 1.500 autobuses urbanos en 25 cidades europeas.

Gas licuado no mar
A utilización do GLP xa é unha realidade no Porto de Celeiro, onde xa hai máis dun ano que se está a experimentar con esta alternativa. O proxecto, que recibe o nome de 'Peixe Verde' e que conta co apoio da Consellería de Pesca, o Centro Tecnolóxico de Pesca (CETPEC ) e Repsol, naceu co obxectivo de reducir o custe enerxético dos barcos pesqueiros. Implantouse, así, o uso de gas licuado de petróleo como combustible alternativo en catro embarcacións pesqueiras de baixura, transformando os motores tradicionais de gasolina a motores de GLP.

Os estudos demostraron que o aforro económico derivado do uso de gas licuado en lanchas de varios portos galegos (tamén se sumou Cangas e O Grove) supón entre un 30 e un 35%. Dende a Consellería de Pesca xa se ten anunciado que ao longo deste 2008 se poderán adaptar os motores de 200 embarcacións de baixura para que empreguen esta alternativa.

¿Qué é o GLP?
O gas licuado de petróleo é, en suma, unha mestura de propano e butano que acada o estado gaseoso a temperatura e presión atmosférica axeitadas. Os máis destacados son o butano e o propano e pode obterse, ben por separación do metano nos xacementos de gas natural, ben por destilación do petróleo nas refinerías.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: