Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Bernard Cassen, director xeral de 'Le Monde Diplomatique'

"É absurdo que un francés merque un lapis alemán, e que o alemán merque o francés"

No seu día acuñou o lema 'Outro mundo é posíbel'. Esta quinta feira visitou Oleiros para falar das "contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos", que analizou tamén para Vieiros.

Fernando Arrizado - 17:00 11/07/2008

Revela, unha iniciativa do Concello de Oleiros para impulsar o encontro entre a realidade social e a cidadanía a través da fotografía, do debate e da reflexión, contou esta quinta feira coa presenza de Bernard Cassen, director xeral do xornal Le Monde Diplomatique.

Fundador e actual presidente de Attac, o inventor do lema 'Outro mundo é posíbel' disertou sobre As insuperábeis contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos, nun foro que este ano leva por título A terra: economía, conflito e natureza.

Vieiros: 'As insuperábeis contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos' é o título da súa conferencia. A pregunta é obvia: Por que son contraditorias e por que, insuperábeis?
Bernard Cassen: Non hai unha única razón. É difícil de explicar en poucas palabras. A máis importante, a máis visíbel e comprensíbel para todos é que a porcentaxe de comercio aumenta moito máis rapidamente que o volume da produción. Hai unha relación directa. Aumentar o comercio implica máis transporte de bens; se hai máis transporte, hai máis contaminación. É absurdo importar coches do Xapón, por exemplo, ou que un francés merque un lapis alemán e que un alemán merque un lapis francés. Cómpre diminuír moito moitísimo o volume do transporte terrestre e aéreo que é peor.

O transporte representa máis dunha cuarta parte da emisión de gases de efecto invernadoiro. Diminuír a emisión de gases implica menos transporte e isto, menos comercio; implica privilexiar os circuítos curtos. Non ten sentido exportar ou importar produtos agrícolas doutro lado do mundo. Esta é a base da soberanía alimentaria.

Na súa última xuntanza, o G8 falou de recortar á metade as emisións contaminantes no horizonte de 2050...

É moi insuficiente. Tomar decisións hoxe para os dirixentes de dentro de 42 anos... Estes mesmos dirixentes din que hai que lograr unha conclusión positiva da Rolda de Doha da OMC (Organización Mundial do Comercio). Precisamente a Doha deste venres ten como obxectivo liberalizar máis o acceso aos produtos industriais aos países do sur, é dicir, aumentar o transporte. Todo o mundo pode entender que é absurdo utilizar enerxía para comprar produtos a dez mil quilómetros, cando se poden producir a 50.

Porén, moitos defenderon e seguen a defender que a globalización e a liberalización do comercio a nivel mundial ían ser ferramentas de progreso para os países máis pobres...

Isto é totalmente absurdo. Os feitos e as cifras están aquí; non sucedeu. Nalgúns países pobres hai certas capas que se beneficiaron, mais non mellorou o nivel de vida do pobo; ao contrario, diminuíu, e as desigualdades medraron. Para min a globalización é un desastre.

O colonialismo no S.XX baseouse na confrontación violenta directa. É a globalización o colonialismo do S.XXI?

Hoxe en día, só en casos como o de Iraq, para controlar directa e fisicamente os pozos petrolíferos, cómpren as armas. Existen outro medios moi eficaces. Os dogmas liberais, da liberdade de circulación de capitais, de bens e de servizos... Isto permite desmontar o papel dos estados e abandonar a política: aceptar que é o comercio quen decide e non a cidadanía a través das eleccións e dos gobernos. Outro medio é a débeda externa. Non cómpren accións físicas.

Non lles gustará moito ás grandes potencias económicas que haxa estados no mundo que se rebelen contra esta orde mundial que se quere estabelecer, non si?

É evidente. O que está a suceder por exemplo en América do Sur é dende este punto de vista moi importante. As medidas adoptadas por Venezuela, Bolivia, Ecuador, ... a construción do ALBA, son contrarias ao que propugna o Imperialismo e non o vai aceptar facilmente.

É por iso que existe unha campaña por parte dos medios, de difamación, de desinformación. Cantidade de mentiras que saen da prensa española e francesa -nesta menos- sobre Venezuela é impresionante! Estes países están dando un pésimo exemplo que non debe chegar a outros. Un exemplo sobre todo para a socialdemocracia, porque aínda que ao que fan se lle chama revolución, non é máis que unha socialdemocracia avanzada. As finanzas están ao servizo do proxecto político, non ao revés. Quen manda é o cidadán, a pesar de avanzar con dificultades, con erros, ...

Volvendo ao tema ambiental. Que lle parece a campaña mundial encabezada polo ex vicepresidente dos Estados Unidos Al Gore?

É útil porque conciencia á xente. Precisamos unha concienciación dos cidadáns en xeral. Mais sería tamén útil propor medidas concretas para para loitar contra o desastre ecolóxico que se está preparando. Está ben, aínda que non contempla medidas políticas.

No entanto, hai quen ve detrás un interese económico, nomeadamente de empresarios que apostaron polo negocio das enerxías renovábeis...

É certo. Hai unha nova categoría de capitalismo que se podería chamar 'econeoliberalismo', que avoga por que a concienciación dos empresarios chegue ao veren o impacto das súas medidas e opten por crear empresas máis verdes. Mais rexeitan políticas concretas. Para os liberais deben ser as propias transnacionais as que diten as normas. Non queren intervención ningunha dos estados nin dos organismos internacionais. Ao contrario, a Comisión Europea esta case baixo as ordes dos empresarios, que teñen a Mesa Redonda de Industriais Europeos (ERT).

Outro mundo é posíbel?

Non só é posíbel, é necesario. Non hai outra opción. É outro mundo ou o suicidio colectivo.


4,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: