O presidente do Banco Gallego e conselleiro de Inditex, Juan Manuel Urgoiti, estará a cabeza do novo ente, e a fundación xa existente pilotará o proxecto cultural.
O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, e mais a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentaron esta quinta feira o novo modelo de xestión que desenvolverá a Cidade da Cultura, baseado na conxunción de "control público e participación privada".
Con este fin está prevista a creación unha nova fundación onde o 51% do capital ha ser privado e que complementará a actual Fundación da Cidade da Cultura, creada en 1999. Para a súa constitución, en setembro, contará cun capital inicial de 25 millóns de euros.
A primeira, que conta con Touriño como presidente de honra -como xefe do Executivo- e con Bugallo como presidenta do Padroado -como conselleira de Cultura-, ostentará a titularidade dos activos do conxunto do complexo e a xestión directa da Biblioteca e o Arquivo, e garantirá o investimento público realizado.
A segunda créase co obxectivo de xestionar as actividades transversais da Cidade da Cultura: a xestión de marca (publicidade, dereitos de imaxe); a xestión de espazos comerciais (libraría institucional, tendas dos museos, locais de hostalaría); a xestión de espazos para a realización de actividades culturais; e os servizos complementarios (aparcamento, seguridade), entre outras.
"Facilitar unha xestión eficiente"
Segundo declarou Touriño, que informou ademais de que a "coparticipación" do Estado se fará a través da xestión do Centro de Enlace Europa América Latina, o obxectivo que persegue este modelo de xestión é o de "incentivar o financiamento e a participación de entidades privadas", "facilitar unha xestión eficiente" e asegurar un presuposto "viábel".
Encabezando o Padroado da nova fundación estará o actual presidente do Banco Gallego e conselleiro de Inditex, Juan Manuel Urgoiti. Licenciado en Dereito, preside ademais a fundación privada José Antonio de Castro e é membro do International Council do MOMA. Ademais, foi presidente do Museo Nacional de Arte Centro Reina Sofía e membro do Real Patronato del Museo del Prado.