O presidente da Xunta e a conselleira de Cultura presentan este xoves o modelo de xestión para a Cidade da Cultura.
Está previsto que a actual Fundación da Cidade da Cultura siga á fronte do proxecto cultural e arquitectónico e como xestora da propiedade do complexo e das obras de construción. Por outra parte, baixo a dirección dun empresario próximo ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, outra fundación asumiría a xestión e o financiamento privado.
En concreto, as competencias da segunda fundación estarían relacionadas coa xestión de actividades de patrocinio, xestión da marca Cidade da Cultura, captación e fidelización de públicos entre empresas e entidades, xestión de espazos (áreas comercial e de restauración, parking, aluguer de espazos), e de servizos comúns (seguridade, mantemento e subministracións), entre outros.
Para este mesmo xoves espérase que o presidente da Xunta e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presenten polo miúdo o modelo xestión da Cidade da Cultura. Como avance, explican que se rexerá baixo os principios de "control público" e implicación do sector privado.
A mediados do pasado mes de abril, o propio Touriño avanzou nun acto en Madrid que a Xunta poría á fronte do proxecto do Gaiás a "un empresario e home da cultura", se ben dende entón dende a administración preferiu traballar en silencio para pechar o modelo de xestión que se porá en marcha. En calquera caso, segundo a información recollida por Europa Press nos últimos meses en distintas fontes da Xunta, o modelo que se presentará mañá responde ao interese por "garantir o control público" das instalacións e proxectos, "facilitar unha xestión áxil, flexíbel e eficiente", asegurar un presuposto "viábel" e "incentivar o financiamento e a participación de entidades privadas".