Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FORTE CRISE

As liortas entre Pablo Padín e Xoán Gato esgazan Terra Galega

O alcalde de Narón presentará unha denuncia nos tribunais ao entender que hai graves irregularidades na convocatoria do congreso.

Redacción - 12:30 09/07/2008

Tres anos despois da súa fundación, o autodenominado 'centro galeguista' vive unha guerra civil interna que ameaza con facer desaparecer as siglas de Terra Galega, a cuarta forza nas eleccións locais do ano pasado. O coordenador xeral da formación, Xoán Gato, protagonizou este mércores unha conferencia de prensa en Santiago na que acusou ao presidente, Pablo Padín, de preparar para este vindeiro sábado un congreso “á medida”.

O alcalde de Narón asegura que Padín oculta os datos de afiliación, o estado das finanzas e que infla o censo de militantes. Logo de denunciar que Padín ten “secuestrada” a formación, e que el conta coa gran maioría dos concelleiros de Terra Galega, subliñou que acudirá aos tribunais para impugnar o vindeiro congreso e os cambios na dirección que do mesmo poidan saír.

Gato, que estivo acompañado na conferencia de prensa da rexedora de Valdoviño, Isabel Álvarez, dixo que Padín leva dende maio sen convocar á Dirección Nacional. Os fortes enfrontamentos internos tiraron por terra un congreso que en principio estaba previsto para mediados de xuño e que agora se adiou para esta fin de semana.

Novas agrupacións en Pontevedra “dun día para o outro”

Gato subliñou que é moi sospeitoso que aparecesen 16 novas agrupacións na provincia de Pontevedra, de onde é Pablo Padín. Tamén denunciou que nas últimas semanas agrupacións como a de Vigo pasaron de 3 a 134 militantes.

O alcalde de Narón considera que Padín quere dar un golpe de man interno porque non ten apoio social: “No seu momento nin se atreveu a presentarse á alcaldía de Vigo”. Por se isto fose pouco, dixo que tiña sospeitas de que o sector de Padín pretendía "vender" a formación logo da cita congresual.

Padín: “Está desquiciado porque o partido non é Narón”
O presidente de Terra Galega, Pablo Padín, sinaloulle a Vieiros que descoñecía a convocatoria dunha conferencia de prensa pero advertiu que o congreso vai seguir adiante.

Padín considera que o alcalde de Narón está “desquiciado porque o partido non é Narón”. Ademais denunciou que moitos dos concelleiros do sector que apoia a Gato non están afiliados á organización.

Suspensión de conversas do PG
A grave crise interna de Terra Galega pon en serio perigo a converxencia electoral que negocia dende hai meses co Partido Galeguista. Representantes das dúas formacións aseguráronlle a Vieiros o pasado mes de maio que as conversas estaban moi avanzadas e daban por feito a unión de siglas de cara os comicios galegos. Fontes do PG consultadas por Vieiros recoñeceron este mércores que é moi probábel que a división interna de Terra Galega obrigue a suspender as conversas.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: