Desde o BNG valoran positivamente que o PSdeG "rectificase a súa postura inicial", contraria á proposición non de lei.
"Ningunha intención". Así expresou este martes o voceiro do grupo parlamentario do PsdeG, Ismael Rego, a súa opinión ao respecto da posíbel entrada de representantes do PpdeG na comisión de seguimento de infraestruturas. Rego dixo entender que "non fai ningunha falta" a presencia neste organismo de traballo "nin do señor Núñez Feijoo nin do PP". "Puxeron todas as primeiras pedras, pero cando deixaron o goberno en Madrid e en Galiza non había nin un só metro de alta velocidade", criticou Rego ao respecto da actuación dos gobernos do PP.
Por outra parte, o voceiro do grupo parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, asegurou este martes que espera que o PPdeG "en coherencia coa postura" que mantiveron os últimos días se "sumen sen máis demoras" á proposición non de lei para reclamar unha subcomisión bilateral Estado-Xunta para o seguimento das obras do TAV e velar pola execución dos presupostos.
O voceiro nacionalista dixo estar "seguro" de que os populares se sumarán a esta iniciativa para poder formalizala na Cámara "sen máis demoras". A iniciativa proposta polo BNG inclúe todos os puntos das proposicións non de lei aprobadas no Congreso, unha do PP (para a creación dunha subcomisión de infraestruturas), e outra dos nacionalistas (para garantir os prazos do AVE en Galicia).