Os emigrantes empobrecen a terra que deixan (aínda que a enriquezan cos cartos que envían); cando se transforman en inmigrantes na terra que os acolle, asustan a parte do seus habitantes. Defensores e detractores acumulan as súas razóns: cotizan á Seguridade Social ou supoñen moito gasto médico; veñen formados ou crean guetos; traballan no que ninguén quere ou fan as cidades inseguras, etc. Buscamos as razóns despois de situarnos a un lado da balanza. Coas súas vantaxes e inconvenientes, a emigración é un drama humano que supera calquera debate que se pretenda facer sobre ela. Por iso decidín dar un pequeno paseo polas historias que crearon a imaxinación e a reflexión doutras persoas. As cavilacións dos outros son unha valiosa axuda á hora de facer fronte á realidade e construír a nosa persoal visión do mundo.
Un pequeno paseo polas historias contadas E comecei co
Inmigrante de Charles Chaplin, unha curtametraxe de trinta minutos realizada en 1917. Imposible vela unha soa vez; humor e drama mestúranse nunha historia que nos conta a chegada dun pobre europeo ao país das oportunidades, e as non poucas dificultades que ten que pasar alí na súa teima por sobrevivir.
En 2006, o debuxante australiano Shaun Tan fixo unha delicia de cómic, unha historia de inmigrantes sen palabras debuxada tan maxistralmente que un case se resiste a cambiar de páxina. En cada unha delas emerxen misteriosas colas de réptiles como símbolos de opresión. Hai xa moitos anos que as bandas deseñadas deixaron de contar só historias infantís ou xuvenís, demostrando a enorme capacidade que teñen os debuxos para transmitir sentimentos. Di Shaun Tan: “unha das razóns fundamentais polas que decidín prescindir do texto foi destacar este principio: o protagonista non pode ler nin comprender nada, así que o lector tampouco debería poder” – Unha marabilla.
Esta pequena viaxe remata con dous documentais:
Balseiros, que narra a historia de sete cubanos que tentan fuxir da illa cara a Estados Unidos, e
A derradeira fronteira, na que uns cameruneses contan os motivos que os levan a enfrontarse a esa muralla de espiños que separa Melilla do resto de África.
É un privilexio gozar da capacidade excepcional que posúen estes observadores para descubriren os matices da experiencia humana. É un reto aprender deles sequera un chisco do seu xeito de comprender.