Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
ABUSO DE POSICIÓN

Os tres principais operadores móbiles puideron pactar subas, segundo Competencia

A CNC ve factíbel que Movistar, Vodafone e Orange acordasen subir o estabelecemento de chamada cando se obrigou a cobrar por segundos.

Redacción - 14:00 03/07/2008

A Comisión Nacional de Competencia (CNC) estimou a posibilidade de que os tres principais operadores de telefonía móbil do Estado Español (Movistar, Vodafone e Orange) incorresen en prácticas anticompetitivas pactando unha suba simultánea de prezos en marzo de 2007. Daquela, víronse obrigadas a comezar a cobrar por segundos, polo que optaron por subir un 25% o prezo de estabelecemento de chamada.

A Lei de mellora da protección dos consumidores rematou co redondeo e co cobro do primeiro minuto completo nas chamadas de móbil, polo que, aparentemente, os tres operadores dominantes, elevaron o estabelecemento de chamada dos 12 aos 15 céntimos para compensar a diminución dos seus ingresos.

As organizacións de consumidores xa denunciaran no seu día o pacto entre as tres compañías, que cambiaron as tarifas simultaneamente. O CNC recolle nun informe as conclusións do expediente que abriu en outubro, e que determina que Movistar anunciou a suba con antelación abonda para que as outras dúas compañías modificasen tamén as tarifas a tempo. As tres empresas teñen 15 días para recorrer a decisión antes de que o CNC tome medidas.

Éxito de móbil R
Mentres, en Galiza, o operador de telecomunicacións R anunciou que xa conseguiu 18.000 altas no seu servizo de telefonía móbil nos seis meses que leva de funcionamento. Eses datos supoñen unha contratación media de 150 liñas por día laborábel. Na maioría dos casos, trátase de clientes da empresa que aproveitaron as vantaxes de contratar todos os servizos co mesmo operador.

O 60% das novas liñas foron portadas doutros operadores. Ademais das súas tarifas, outro dos atractivos de R é que todas as súas comunicacións se fan en galego e que ofrece terminais cos menús na nosa lingua. As súas previsións son acadar as 36.000 liñas móbiles a final de ano.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: