O equipo convidou a ciclistas de Elite e Sub 23 para participar nas sesións de preparación do mes de xullo.
O Karpin Galicia vai volver en xullo aos adestramentos colectivos, aproveitando o relativo descanso que lle ofrece o calendario de competición este mes.
Ollando as posíbeis novas incorporacións
En total desenvolverán cinco sesións de adestramento, os días 7, 9, 10, 22 e 28 de xullo. A estas xornadas serán connvidados algúns dos ciclistas máis destacados do pelotón galego nas categorías Elite e Sub 23, o que lles vai permitir aos directores deportivos do KGZ ollar os progresos feitos, durante todo o ano, pola canteira galega, para pensar, se cadra, nalgunha fichaxe para a vindeira tempada. Ademais, non se descarta que algúns dos convidados participen nalgunha proba co equipo, a finais da tempada.
O equipo vai aproveitar estes adestramentos tamén, para comezar o programa de preparación da parte final da tempada. Xa dixera Álvaro Pino hai poucos días que quería ter un contacto cos ciclistas do equipo que cumpren o seu primeiro ou segundo ano no campo profesional, porque "deben limar algúns aspectos tácticos e sobre todo cuestións de actitude e mentalización, que adoita ser no que máis fallan", e esta é unha boa oportunidade.