Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PESCA ILEGAL

Un cento de armadores españois practican capturas ilegais en alta mar

Un informe de Adena denuncia que os barcos españois se refuxian nas bandeiras de comenencia para sortear a lexislación.

Redacción - 14:00 30/06/2008

Pesca non regulada nin declarada, e que, ademais, atenta contra a conservación e xestión dos recursos pesqueiros. Esta é a práctica que caracteriza a un cento de armadores españois, unha boa parte deles galegos, segundo vén de denunciar nun informe a organización Adena.

Bandeiras de comenencia

O procedemento máis común agóchase baixo as bandeiras de comenencia, é dicir, un país alleo ao Estado Español permite aos pesqueiros operar baixo a súa bandeira sen asegurarse de que cumpren coas regulacións pertinentes. Este sistema é empregado por algúns armadores precisamente para ignorar a lexislación, tanto no referente á conservación e xestión dos recursos mariños, como no que ten que ver coas normas en materia laboral e de seguridade. Así o vén de denunciar Adena e é unha práctica ademais coñecida polas autoridades, como se reflectiu na Conferencia Internacional de Loita contra a Pesca ilegal non declarada e non regulada celebrada no 2002 en Santiago de Compostela.

Agora esta organización vén a poñer a súa atención novamente no sistema de rexistro de buques baixo pavillóns de comenencia e recordan que estas embarcacións acostuman estar á cabeza en todas as listaxes de precariedade, escasa seguridade e salubridade, contaminación do medio mariño e pesca ilegal. É máis, o propio goberno español conta cun rexistro de armadores que, baixo este procedemento, se adican á captura non regulada de especies como o bacallao, peixe espada ou atún. Moitos deles están abandeirados en países como Togo, Belice ou Xeorxia e pasan por enriba da normativa pesqueira internacional, así como das cotas de capturas.

Precisamente é sabido polas autoridades que é o porto de Vigo, xunto co das Palmas de Gran Canaria, un dos máis habituais na entrada de peixe capturado ilegalmente. E son tamén os galegos, os que están sometidos a un especial control despois de terse comprobada outra práctica ilegal para sortear a lexislación: a de transbordar en alta mar as súas capturas efectuadas ilegalmente. Un exemplo que menciona o estudo é a compañía Vidal Armadores, con sede en Ribeira, coñecida polas súas numerosas infraccións pesqueiras e condenada e denunciada en varias ocasións, opera a través de bandeiras de conveniencia como Corea do Norte ou Serra Leoa.

Aena subliña tamén o rápido incremento no número de buques que escollen o rexistro de bandeiras de conveniencia, que contan xa cunhas capturas que se valoran en 1.200 millóns de dólares anuais. Son, segungo os seus datos, un total de 318 embarcacións de grandes dimensións as que están abanderadas en Camboia, Xeorxia, Mongolia, Corea do Norte, Serra Leona e Togo. Moitas delas están en listaxes negras da Organización Rexional de Pesca (ORP) por participar en actividades ilegais.

Cambios na lexislación
Precisamente, a Unión Europea vén de endurecer as sancións contra a pesca ilegal. No conxunto das medidas destaca a imposición dun certificado que acredite que o peixe e o marisco non se obtivo ilegalmente, así como a obrigatoriedade de que os gobernos sancionen as infraccións. Estas medidas entratarán en vigor o primeiro de xaneiro do 2010, unha data que moitos colectivos consideran demasiado lonxana.

Tanto Aena como outras asociacións piden unha maior transparencia nos rexistros dos pavillóns de conveniencia. Piden maior vontade política para que os estados asuman o novo regulamento europeo de loita contra a pesca ilegal. Tamén fan un chamamento para establecer un comité nas Nacións Unidas que negocie un novo acordo para a posta en marcha da Lei do Mar.


Ligazóns

5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: