Despois da última apelación, a indemnización que a Exxon Mobil debía pagar queda en só 323 millóns de euros, malia inicialmente ser fixada en case 3.200 millóns.
Ao tempo que marca cifras de beneficios récord, froito do incremento dos prezos do petróleo, cunha rendabilidade de até 27 mil millóns de euros no último exercicio, a petroleira goza do favor dos tribunais, que unha vez máis foron receptivos ás apelacións sobre o castigo pola catástrofe do Valdez.
O tribunal de Alaska estabelecera inicialmente, na altura de 1994, unha sanción de arredor de 3.200 millóns de euros. Un xuíz federal concedéralle daquela a primeira redución á empresa, fixando en 2.800 millóns o castigo. Posteriormente, a corte de apelacións deixou a cantidade en 1.600 millóns. Agora, a Corte Suprema dos EUA falla outra vez en favor da petroleira e deixa en 323 millóns de euros o pagamento que a Exxon terá que facer polos "danos e prexuízos" causados polo vertido do buque. A resolución xudicial, aprobada por 5 votos contra 3, afirma que a sanción fixada inicialmente era "excesiva" segundo a lei marítima estadounidense.
O suceso producírase en 1989 fronte á costa de Alaska, cando o petroleiro Exxon Valdez provocou unha mancha de petróleo de case 2.000 quilómetros de extensión, causándolle graves danos ao ecosistema e zoupando na actividade pesqueira da zona.