Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CO VOTO EN CONTRA DO PP

Aprobada a Lei de Saúde

Ademais da creación da figura do vicevaledor do paciente, o texto recolle un código de dereitos dos usuarios.

Redacción - 18:30 24/06/2008

A nova Lei de Saúde recolle dereitos que ata o de agora eran inéditos en Galiza. Dunha banda, recoñece o dereito á información epidemiolóxica e sanitaria, tamén a unha segunda opinión médica ou dereitos vencellados co acompañamento. Ademais, un paciente poderá decidir non recibir información médica sobre a súa doencia e terá dereito á intimidade do seu corpo.

Outra das novidades, da que xa se ten falado cando se aprobara o proxecto de lei é a creación da figura do vicevaledor do paciente, unha figura que será nomeada polo Parlamento entre persoas independentes e de recoñecido prestixio e que terá por obxecto aumentar a participación social dos cidadáns no sistema sanitario a través do establecemento de canles de comunicación.

Doutra banda, o texto aprobado tamén inclúe a regulación do sistema de información de saúde de Galiza, a creación dun centro de servizos tecnolóxicos do sistema público de saúde e a regulación do voluntariado. Asemade, prevé a creación do Instituto Galego de Investigación Sanitaria, que unificará e dirixirá programas de investigación do sistema público sanitario galego.

Dende que a comezos de ano se aprobase o proxecto de lei ata hoxe, introducíronse no texto poucas variacións. O texto da nova normativa contou cun total de 52 emendas (10 do BNG, 41 do PP e unha do PsdeG) que foron debatidas na Comisión de Sanidade.

Diferentes análises
A voceira socialista na área de sanidade, Mar Barcón, subliñou que esta lei é, sobre todo, un compromiso coa cidadanía e cos seus dereitos, así como unha garantía na súa defensa. Ademais, destacou que se acaba co sistema de fundacións impulsado polo PP.

Nisto último non coincidiu a voceira nacionalista, Cristina López Ferreiro, quen precisou que estas fundacións non se liquidan, senón que se integran no Servizo Galego de Saúde. O BNG destaca a vocación de futuro da lei e asegura que se trata dun texto vivo, que conta coa participación e complicidade de todos os axentes.

Sen embargo, para o PP esta lei chega en mal momento, nun contexto de sobrecarga asistencial. Miguel Santalices asegura que a lei elude fixar garantías de espera máxima de 45 días para consultas e probas diagnósticas e de 60 días para intervencións cirúrxicas. Os populares argumentan que hai demoras de perto de dous anos para consultas de xinecoloxía ou uroloxía que non se solucionan e din que esta nova norma abre a porta á mobilidade forzosa para o persoal sanitario.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: