A rede desarticulada xestionaba supostas ofertas laborais para cidadáns marroquís despois obrigados a traballos non acordados.
Un total de 19 persoas, a maioría empresarios, foron detidos nas últimas semanas, por seren presuntos participantes dunha rede á que se lle acusa de estar relacionada coa "inmigración ilegal" e a "explotación laboral" de cidadáns de Marrocos.
A delegación en Santiago da Policía Nacional informou de que as detencións inclúense dentro da chamada "Operación Gym", e que comezaron xa hai tres meses. De feito, o primeiro detido sería o presunto líder da rede, S.E.A, de nacionalidade marroquí, quen residía en Padrón. Supostamente, a rede traballaba contactando con empresarios aos que se lles ofrecía cartos, entre mil e 5 mil euros, a cambio de ofertas de traballo para inmigrantes aos que lles facilitaban a obtención dos permisos correspondentes.
Nos últimos tempos, noutros puntos do Estado houbo detencións similares. Nalgún dos casos, os detidos contactaban directamente no país de orixe cos potenciais traballadores, ofrecéndolles postos de traballo a cambio de diversas cantidades, e tramitándolles a viaxe, Posteriormente, os inmigrantes descubrían que foran estafados e ás veces quedaban atados a unha débeda a maiores, que lles obrigaban a satisfacer a través doutras actividades.