Convocouse unha nova protesta pública para o 20 de setembro.
Ao redor de 500 persoas, segundo a Policía Local, e unhas 2.000 segundo os organizadores, participaron este sábado na primeira manifestación convocada pola Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo para exixirlles ás autoridades que realicen o saneamento das súas augas.
Despois de percorrer o treito que separa as prazas da Palloza e de Ourense, os manifestantes agrupáronse diante da Delegación do Goberno onde os presidentes das agrupacións de mariscadores, Carmen Chans e Manuel Cao, leron o manifesto.
Pediuse a aplicación da lei para identificar e deter os causantes directos e indirectos de verquidos á Ría, a finalización do proxecto integral de saneamento, a posta en funcionamento da EDAR de Bens, a definición consensuada coas asociacións de marisqueo dun plano de rexeneración medioambiental de limpeza integral da Ría do Burgo e a propia recuperación dos bancos de marisqueo.
A plataforma culpou da contaminación aos vertidos que se efectúan dende os municipios da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros, así como ao retraso na construción da depuradora por parte do Ministerio de Medio Ambiente.
Na marcha estiveron presentes representantes de BNG, EU e PP.