As Forzas de Seguridade, a Axencia Tributaria e mais a Xustiza son os eidos públicos onde menos se emprega. Na prensa, as cifras son mesmo peores.
As portadas dos xornais en papel saen en galego cada 25 de xullo
Os sectores públicos que utilizan en menor medida o galego son a Policía Nacional, con 25,93 puntos sobre 100, seguida da Axencia Tributaria, con 27,9, e a Administración de Xustiza e mais a Garda Civil, con 9,6 puntos ámbalas dúas. Estes son algúns dos datos que se desprenden do último estudo realizado polo Observatorio da Lingua Galega, pertencente á Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O informe tamén subliña o baixo índice do uso do galego no mundo das finanzas, o comercio e maila empresa privada, onde os datos non chegan aos 34 puntos. Pola contra, os sectores que rexistran un emprego da nosa lingua maior son a Educación e mais a Administración. O maior índice acádao o ensino non universitario (con 88 puntos sobre 100), seguido do universitario (71,98 puntos), a Xunta (78, 16), a Administración Local (72,28) e as entidades estatutarias galegas (85,91).
O informe baséase no estudo de 7.500 enquisas e 22 paneis de escoita, ademais da análise da rotulación e das comunicacións ao exterior, a utilización do idioma polo persoal, os criterios lingüísticos, o uso interno e a documentación.
Medios de comunicación
Outro dato negativo refírese á utilización do galego nos medios de comunicación. Malia as subvencións para fomentalo, o estudo revela unha escasa presenza da lingua do país tanto en medios escritos, como na radio ou na televisión.
Se falamos de xornais, os seis de máxima difusión en Galiza só empregaron o galego para o 6,5% dos seus textos, correspondendo á publicidade un 14,7%, e ás noticias só un 4,6%. A radio só adica ao galego un 20% do seu tempo semanal, e a televisión non destina máis dun 65% do seu espazo publicitario das desconexións para Galiza.