Ofrecerá licores orgánicos e a enerxía dos bailes converterase en electricidade.
O coidado do medio ambiente e a diversión non están enfrontados. Así o vén de demostrar a organización adicada á loita contra o cambio climático Club4Climate, quen abrirá o vindeiro mes en Londres a primeira discoteca ecolóxica. O coidado do planeta semella que interesa cada vez máis, e non faltan empresarios como o multimillonario de orixe grecochipriota Andrew Charalambous que aproveitan a circunstancia para facer caixa.
O local ofrecerá licores orgánicos servidos en copas de policarbono e funcionará con enerxía renovable. Ademais, instalarase un sistema de auga reciclada para os váteres e aproveitaráse a enerxía que xeren os que dancen nas pistas de baile para convertela en electricidade.
Xa está previsto o prezo da entrada, que ascenderá a 10 libras (12,6 Euros) pero os ecoloxistas terán exencións. Aqueles que demostren a súa chegada ao local a pé, en bicicleta ou transporte público terán premio, e non terán que pagar o ticket.
Obxectivo: salvar o planeta
O empresario márcase como obxectivo o coidado do medio ambiente, e asegura que deste xeito pretende interesar o maior número posible de persoas na salvación do planeta. Nesta mesma dirección, a súa organización ten en marcha outros proxectos como inaugurar dentro duns anos un lugar de vacacións totalmente autosuficiente dende o punto de vista enerxético ou iniciativas encamiñadas a plantar un millón de árbores.