As aulas, coordinadas polo profesor Carlos Quiroga, terán lugar en Goián (Tomiño) e Vilanova de Cerveira.
Filminho busca converterse este verán no centro que vertebre o audiovisual existente e posíbel ao norte e ao sur do Miño. Non só a través da mostra e competición de filmes, senón igualmente mediante actividades de formación, por exemplo un curso de verán organizado pola Universidade de Santiago. O curso, titulado Filminho 2008: reflexións sobre o audiovisual galego e portugués, está coordinado polo profesor da USC Carlos Quiroga, e cunha duración de 30 horas desenvolverase no Salón de actos da Biblioteca Municipal de Vila Nova de Cerveira, no auditorio ao aire libre e na Cine-Teatro da vila portuguesa e máis no Centro Goianés e no auditorio de Goián (Tomiño).
No curso quérese reflexionar sobre os últimos pasos que están a dar as dúas cinematografías, apostando, de maneira declarada, polo talento dos novos creadores, polas fórmulas de produción con independencia da industria e indagar nas potencialidades do territorio como definidor de identidades.
Os participantes no Curso de Verán tamén serán decisivos no rumbo do Filminho, porque serán responsábeis na puntuación do Fórum de Creadores. O prazo de inscrición xa está aberto. Desde o 21 de maio os interesados xa se poden inscribir a través de internet, desde o 11 de xuño ao 11 de xullo poderase facer a matrícula de maneira presencial ou por correo ordinario.