Os edís asinantes non puideron entrar no consistorio polas "agresións". O mandatario acúsaos de "provocación" por chegar "con gardacostas".
O alcalde Aquilino Valencia
Un grupo de veciños impediu este martes a entrada dos asinantes da moción de censura na casa do concello de Calvos de Randín (A Limia) contra o seu alcalde, Aquilino Valencia, do PSdeG, polo que finalmente non se produciu o debate da mesma.
Os catro ex concelleiros do PPdeG e mais o ex tenente de alcalde socialista e candidato á alcaldía, Xosé Manuel Andrade chegaron contra as 10.00 horas acompañados de gardacostas, mais non puideron superar o cordón veciñal despregado na entrada ao consistorio. Ao intentar entrar produciuse un forcexo e algunhas persoas resultaron magoadas.
A voceira dos asinantes da moción de censura, Sandra Rodríguez, asegurou que sufriron "agresións", e que lles tiraron "ovos e petardos". Rodríguez identificou nese cordón veciñal "sobre todo, cargos do PSOE dende O Carballiño até A Teixeira", e considerou "incríbel" que o alcalde permitise que os veciños durmisen na casa do concello.
Falta de "modestia"
Aquilino Valencia, pola súa banda, acusou de "provocación" os asinantes da moción de censura porque chegaron con "prepotencia cos seus gardacostas particulares". "Se chegasen con modestia o público apuparía pero deixaríaselles pasar", mais "despois complicouse a cousa", dixo o socialista.
A voceira dos cinco edís xa anunciou que que estudarán "algunhas medidas" contra o alcalde pola súa actuación, e contra o subdelegado provincial do goberno español, Camilo Ocampo, por non evitar o suceso.