O goberno español di que "é xuridicamente inviábel a intervención do Estado". A disputa laboral comezou coa chegada de bidóns tóxicos do buque.
O 'Cason' levaba material tóxico
O goberno español non revisará o caso do despedimento dos 23 traballadores da empresa Alúmina-Aluminio, a antiga Inespal, polos feitos acontecidos en 1987, tal como solicitara no Congreso dos Deputados o deputado do BNG, Francisco Jorquera.
Tamén o Parlamento acordara por unanimidade o pasado mes de marzo pedir que se procedese á "reparación moral" dos despedidos, que "foron condenados ao ostracismo laboral e social", segundo criticou o BNG.
O Executivo respondeu a Jorquera -que tamén solicitara a "reparación económica"- que "é xuridicamente inviábel a intervención da Administración Xeral do Estado no litixio", xa que "se trata dunha resolución xudicial" que "debe ser acatada co máximo respecto".
Os 23 traballadores membros do comité de empresa foron despedidos como consecuencia do conflito desencadeado pola chegada ás portas da factoría na Mariña Luguesa de ducias de bidóns tóxicos procedentes do buque Cason, que embarrancara en Fisterra.
Os operarios negáranse a descargalos, e a empresa acusou os representantes sindicais na fábrica de desatender os servizos mínimos.