Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Ezequiel Mosquera, días entre médicos e pasando fame

"Na 'Vuelta a España' haberá que aguantar á roda de Contador até onde se poida"

O ciclista recupérase da caída sufrida na Volta a Cataluña. Unha entrevista feita polo Karpin Galicia.

Redacción - 17:13 06/06/2008
Mosquera, despois de caer na Volta a Cataluña

Mosquera, despois de caer na Volta a Cataluña

Ezequiel Mosquera tiña previsto facer un paréntese na competición á conclusión da Volta a Cataluña, pero unha caída na terceira etapa da rolda catalá obrigouno a coller unhas "vacacións" forzosas. Nun primeiro momento aprecióuselle unha fractura "limpa" da clavícula esquerda, aparentemente sen maiores complicacións, pero posteriormente comezáronlle a xurdir unhas dores de costas que son as que neste momento o teñen máis preocupado. Así, segundo manifesta o ciclista do Karpin Galicia, dedícase a "visitar médicos e pasar fame". Unha entrevista feita polo KGZ.

"Nos últimos días tiven que andar de médicos, primeiro un TAC e despois unha resonancia para tratar de coñecer a causa das molestias que teño na zona lumbar. Descubriuse un afundimento nas costelas pero parece ser que se trata dunha lesión antiga. Poida que coa caída se volvese a danar esa zona. Isto, e non a clavícula, é o que me ten máis preocupado neste momento, aínda que as dores ultimamente non son tan fortes e iso tranquilízame dalgún xeito; como tamén o saber que o mes de setembro está aínda relativamente afastado. Se as cousas van ben, haberá tempo para prepararse", comenta Ezequiel, pensando na 'Vuelta a España'.

Non é fácil vivir de rendas...
Sabe que non é fácil vivir de rendas, pero o triunfo na Clásica Internacional de Alcobendas nestes momentos é unha axuda. "Dáme certa tranquilidade de ánimo. O comezo de tempada foi bo, pero non atopei unha competición na que puidese probarme a fondo. Probas como as de Mallorca e Murcia ofreceron un percorrido bastante suave, polo que, a pesar de terme atopado ben, non tiven terreo para facer máis. En Alcobendas, o día de Navacerrada, por fin atopei unha etapa ao meu gusto. Chegar en solitario á cima e poder levantar os brazos era algo co que soñaba. Como ciclista produciume unha gran satisfacción, aínda que hai que mirar cara adiante porque os éxitos pasan e poden caer no esquecemento pronto".

A publicidade di que os hai que pensan en verde, Ezequiel Mosquera confesa que pasa fame e come verde para poder manterse no peso, a pesar de que non parece dos máis propensos a coller quilos. "Na miña situación actual queimo poucas calorías e hai que evitar acumular demasiado peso".

E no horizonte, a 'Vuelta'
"A miña cabeza está posta xa en setembro. Non sei aínda o calendario que vou facer ata a ‘Vuelta a España'. O ano pasado disputei as primeiras etapas da Volta a Portugal, pero este ano non sei que farei porque esa carreira atrasárona. O meu obxectivo é a 'Vuelta a España'. O ano pasado non sabía o que era unha carreira de tres semanas, iso é o que teño gañado desta vez".

O quinto posto conseguido na última edición é un estímulo cunha alta carga de ambición, pero á hora de concretar os obxectivos limítase a dicir en ton desenfadado: "Na ‘Vuelta a España' haberá que aguantar á roda de Contador ata onde se poida".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: