Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Moción rexeitada no Congreso

PSOE e PP votan xuntos contra o avance na laicidade do Estado

As proposicións non de lei de BNG e IU pedían revisar os acordos coa Santa Sede e retirar símbolos relixiosos de actos oficiais.

Redacción - 09:00 28/05/2008

"Unha das grandes asignaturas pendentes da democracia española é facer efectiva a laicidade do Estado, o seu carácter aconfesional e neutral en materia de crenzas", argumentou este martes Francisco Jorquera, deputado do BNG, na súa intervención no Congreso. Jorquera engadiu que "despois dunha lexislatura pasada marcada pola intromisión sistemática da xerarquía eclesiástica católica no debate político" trátase dun debate que non se debería adiar máis.

O deputado galego reprochou a existencia dun marco Estado-Igrexa católica "privilexiado e distinto aos das outras confesións, sendo vinculante para o Estado e coa blindaxe duns Acordos Internacionais". Ao respecto preguntouse sobre se é lóxico "que sigan inalterados uns acordos de hai trinta anos, e que aseguran o financiamento público da Igrexa".

No mesmo sentido ía a proposición non de lei presentada por Izquierda Unida, onde se facía mención concreta ao protocolo de diversos actos institucionais que inclúen a presencia de símbolos relixiosos diversos. IU-ICV solicitou que se deseñen novos protocolos para as cerimonias "acordes cun sistema aconfesional".

As propostas foron rexeitadas polo pleno cos votos en contra de PSOE, PP, CiU e CC. "Cremos que a laicidade avanza ao ritmo que fixa a convicción colectiva", comentou ao respecto o voceiro socialista, Ramón Jáuregui. "Non cómpren leis prohibicionistas, senón prácticas aconfesionais naturais e progresistas", afirmou, comentando ao fío que "España é como é". Sobre o mesmo tema, o voceiro popular Eugenio Nasarre, subliñou que "España non é un ente abstracto, senón unha realidade histórica con raíces xudeu-cristiás".


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: