Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza en Bruxelas

A partir de agora, o que contamina, paga

O Parlamento Europeo aprobou unha nova directiva que criminaliza certas infraccións ambientais e que prevé sancións penais para os responsábeis.

Redacción - 10:50 25/05/2008
Un tigre decomisado nunha cacería ilegal

Un tigre decomisado nunha cacería ilegal

O Parlamento Europeo aprobou esta semana, en Estrasburgo, unha directiva que criminaliza as infraccións ambientais, prevendo sancións penais contra quen contamine.

O texto estabelece un conxunto de infraccións que serán penadas coma un crime por todos os Estados membros da UE. Tamén contempla un conxunto de "regras mínimas" onde se define que é considerado como "crime ambiental". A partir do momento no que esta directiva entre en vigor, os países teñen dous anos para adoptar as medidas precisas.

O texto, que xa fora presentado en febreiro de 2007, permite que cada Estado membro aplique unhas medidas máis rigorosas que estas "regras mínimas" en cadanseu código penal, é dicir, o tipo e o grao das sancións penais é competencia dos 27, mais a directiva, en principio, contempla que sexan penadas coma un crime, por exemplo, a morte, a destrución ou posuír ou capturar especies protexidas da fauna ou da flora salvaxe.

"Un gran éxito para o medio e para a UE"
O texto aínda criminaliza "a produción, importación, exportación, colocación no mercado ou emprego de substancias que empobrezan ou estraguen a capa de ozono", mais tamén a "descarga, emisión ou introdución dunha cantidade de materias ou de radiacións ironizantes na atmosfera, no solo ou na auga, que causen ou sexan susceptíbeis de causar a morte ou lesións graves a persoas, ou danos considerábeis á calidade do ar, do solo, da auga ou da vida de plantas e animais".

A decisión do Parlamento Europeo foi admitida pola Comisión Europea, e mesmo o comisario para o Ambiente, Stavros Dimas, subliñou nun comunicado, que "este rápido acordo é un gran éxito para o medio e para a UE". A directiva foi aprobada após unha primeira lectura.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: