O debuxante construíu un filme de 'humor galego' ao que lle poñen voz Manquiña, o equipo de 'Corre Carmela que Chove' ou Os Tonechos.
A crise carnívora son dúas películas. Está a versión orixinal, en castelán, creada polos responsábeis de Cálico Electrónico (a serie de animación en Internet de máis éxito, vista por máis de 50 millóns de persoas) e na que se poden escoitar as voces de Joaquín Reyes (Muchachada Nui), Oskar Terol (Vaya Semanita), Enrique San Francisco ou Pablo Carbonell. E está a versión galega, creada máis que traducida por Siro López, na que participa Manquiña, Antonio Durán Morris, Os Tonechos, Xosé Manuel Piñeiro, Xurxo Souto e o grupo de Corre Carmela que chove.
A Coruña acolleu este xoves a preestrea mundial de A crise carnívora, un filme que se estrea en todo o Estado este venres. Trátase da primeira longametraxe para cinema realizada integramente en animación flash. Cun humor irreverente e dirixido non ao público infantil, senón a unha audiencia xuvenil e adulta, o filme está producido por Continental, que lle encargou a Siro a versión galega, "cando me fan a min a encomenda, era obvio que non pensaban nunha tradución, pois terían chamado un filólogo", di.
Resulta un filme de auténtico humor galego, moi distinto ao orixinal castelán: "o orixinal era moito máis directo e contundente, non respondía á esencia do humor galego, que emprega camiños moi longos para dicir as cousas", afirma Siro, que engade que o humor galego actúa na película de burladeiro nos momentos en que os diálogos adquiren maior dureza. O humorista ferrolán salienta ademais que na dobraxe galega, inzada de frases populares e de imitacións de persoeiros moi recoñecíbeis (como o propio Manuel Fraga), hai tamén un importante traballo actoral, na que as voces foron quen de se adaptar á personalidade dos protagonistas animados.
Siro, que afirma que escribiu o texto dende o comezo pensando en que Manquiña sería o protagonista, salienta igualmente o traballo de dirección de actores realizado por Tacho González.