Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
17 e 18 de maio

E ademais de letras...

Esta fin de semana celébrase tamén o día da Internet, o dos Museos e o Día Mundial contra a Homofobia. Aquí temos unha pequena mostra do que ferve no noso país.

Redacción - 11:23 17/05/2008

O 18 de maio conmemórase o Día Mundial dos Museos, por iso, son moitos os centros galegos que elaboraron unha programación especial co fin de promover o interese pola arte. Baixo o lema "Os museos como axentes de cambio social" este ano saliéntase a necesidade de manter o compromiso de converter a cultura nun nexo integrador que estableza diálogos entre os individuos e a sociedade.

A proposta entra no MARCO de Vigo, a través de talleres, experiencias artísticas pola Internet, ciclos de vídeo ou un concerto de música para plantas que se celebrarán ao longo de todo o fin de semana. Sen movernos da cidade olívica, o Museo do Mar, programou unha serie de actividades infantís e xuvenís, e varios espectáculos de música, vídeo-danza e baile, que inclúen a actuación de contacontos, malabares, e talleres.

En Lugo na noite do sábado 17 ao domingo 18 haberá un percorrido polas distintas salas do Museo Provincial guiados pola voz da cantante Pilocha, mentres que o domingo haberá nos centros que integran a Rede Museística da Deputación, agasallos e sesións de teatro e contos. Na Coruña, a Concellaría de Cultura organizou unha serie de actividades que inclúen visitas guiadas, concertos, representacións teatrais e de danza, ademais da xornada de portas abertas do domingo.

Máis museos...

O 18 tamén se celebra en Compostela cunha xornada de portas abertas nos museos da Catedral, do Pobo Galego, na Fundación Eugenio Granell (que permitirá o paso gratuíto até o 25 de maio) e no CGAC, onde tamén se presentarán as exposicións resultantes dos proxectos Distancia Crítica, A familia é un inferno e das intervencións dos alumnos de Belas Artes de Pontevedra nas vidreiras. Realizarán tamén a actividade Dar co Museo, dirixida aos nenos e baseada na reflexión sobre o espazo artístico.

Xestionados pola Consellaría de Cultura, tamén o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Etnolóxico de Ribadavia abren as súas portas esta fin de semana para celebrar actividades conmemorativos. Do mesmo xeito, no Museo do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, celebrase a Noite dos Museos e a partir das 18:00 do sábado celebraranse varias actividades que arrancan cunha demostración de xogos tradicionais, e que tamén incluirá espectáculos de danza oriental e unha visita guiada.

Unha semana para reparar na rede

O 17 de maio tamén celebramos o da Internet e da Sociedade da Información. A data instituíuna a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2005 para conmemorar a fundación da Unión Internacional das Telecomunicacións, o 17 de maio de 1865, dous anos despois da edición dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Para conmemoralo, a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información está a desenvolver toda unha serie de accións durante o mes de maio que continuarán aínda durante os vindeiros días. Na web Máis Internet Máis Galego Máis Futuro dáse conta das actividades previstas para esta xornada, entre as que se atopa a distribución por parte do Concello de Carballo da guía Os meus favoritos, unha compilación duns 150 enderezos web coa que pretende contribuír á difusión da nosa lingua ao tempo que convida a descubrir o ciberespazo galego.

Por outra banda, os membros da Asociación Cultural, Deportiva e Xuvenil 'Verea', bota a andar o proxecto do mesmo nome, coa realización dun programa de televisión orientado á difusión e ao emprego da lingua nas TIC, que se emitirá a partir da medianoite.

Un día tamén contra a homofobia
O 17 de maio conmemórase o Día Mundial contra a Homofobia, data na que, en 1990 a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) suprimiu a homosexualidade da lista das enfermidades mentais. Acabábase entón con case un século de homofobia médica e discriminación contra lesbianas, gais, bisexuais e transexuais, aínda que a loita non rematou.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Cartel do Día Internacional dos Museos. (ICOM)
Cartel do Día Internacional dos Museos. (ICOM)
O 17 de maio tamén é o Día da Internet
O 17 de maio tamén é o Día da Internet