A explosión produciuse nunha casa cuartel da localidade de Legutiano (Araba) sen previo aviso. Hai catro feridos, mais a súa vida non corre perigo.
Un garda civil morreu e outros catro resultaron feridos pola forte explosión dun coche bomba na madrugada do martes ao mércores nunha casa cuartel da Garda Civil en Euskadi, na localidade de Legutiano (Araba).
O axente falecido era Juan Manuel Piñuel Villalón, un melillés de 41 anos. Estaba casado e tiña unha filla. Os catro feridos foron trasladados aos hospitais de Santiago e Txagorritxu, en Vitoria-Gasteiz, mais non se teme pola súa vida.
O coche bomba -que todo indica foi colocado por ETA- era unha furgoneta cargada con máis de 100 quilos de explosivo. Estaba aparcada á porta do cuartel, situado ao bordo da estrada N-240, á entrada da vila, e estourou sen previo aviso contra as 3.00 horas.