A Federación Galega de Baloncesto presentou o combinado nacional que, dirixido por Miguel Méndez, ha participar no torneo. Os partidos comezan esta sexta feira no pavillón de Santa Isabel.
O combinado galego, dirixido por Miguel Méndez, participará xunto a Cataluña, País Vasco e Portugal, no I Trofeo Feminino das Nacións que comezará en Compostela, no Pavillón de Santa Isabel, o vindeiro 16 de maio, e terminará o Día das Letras.
Esta segunda feira o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó presentou o combinado galego, acompañado polos seleccionador nacional, Miguel Méndez, e a súa axudante nesta tarefa, Julia Pena.
O actual adestrador do Celta Vigourban e seleccionador nacional salientou que a súa intención era a de "facer o mellor equipo posíbel" e, a seguir, foi anunciando, un a un, os nomes das compoñentes do equipo galego, ao tempo que afirmaba que "este combinado ten altura, talento nas posicións, e vai poder dar un bo nivel competitivo".
A Galiza do baloncesto feminino
As xogadoras que compoñen, desta volta, o equipo nacional son: como bases, Marta Cobián (Club Baloncesto Arxil) e Lidia Gesteira (Caja Rural Verona Norte); como escolta, Sara Gómez Ferreiros (Extrugasa); como pivotes Susana Senra Pérez (Isolux Corsan Alcobendas), Ana María Román (Pío XII), Natalia Soage Portas (CB Arxil) e Maria Elena Sanchez Iglesias (Pío XII).
Como aleiros han xogar Regina Gómez Iglesias (Durán Maquinaria Ensino), Mónica Jorge Portela (Celta Vigourban), María Aranzazu Gomez (Rivas Futura) e Isabel Suárez Noya (Pío XII); Finalmente como Ala-pivote participará Cándida Navarro Llorca (Biurrarena-UPV).
O Trofeo das Nacións
A competición hase desenvolver entre esta sexta feira e o sábado en Compostela e ha contar coa participación da das seleccións vasca, catalá e portuguesa, alén da galega.
Na primeira xornada xogan, de primeiras, Portugal e Cataluña (ás 18.00 horas). Despois é a quenda das irmandiñas do baloncesto galegos, que terán como rival a Euskadi (ás 20.00 horas). Na segunda xornada do Trofeo, o sábado día 17, disputarase o terceiro e cuarto posto ás 17:30 horas, e a gran final ás 19: 30 horas.
A entrada aos encontros é de balde, mais é preciso presentar un billete co convite que se pode recoller dende xa na sede da Federación ou no pavillón compostelán.