O BNG presenta unha proposición non de lei onde lle pide ao goberno español que lle conceda ao noso país un novo multiplex.
O deputado do BNG en Madrid Francisco Jorquera
O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, presentou unha proposición non de lei onde insta ao Goberno a conceder a Galiza un novo multiplex que permita a visión das televisións portuguesas en formato dixital.
Jorquera realiza esta solicitude de conformidade co disposto na Carta Europea de Linguas Minoritarias, asinada polo Estado Español no ano 2001. Ademais, alega razóns "lingüísticas, sociais e culturais" para explicar a necesidade de que o Ministerio de Industria lle conceda a Galiza un novo multiplex.
O BNG lembra que a Carta sinala no seu artigo 11 que se debe garantir "a recepción directa de emisións de radio e televisión de países veciños nunha lingua usada en forma idéntica ou similar a unha lingua rexional ou minoritaria". O Consello de Europa estabeleceu en 2005 que esta disposición afectaba á recepción na Galiza das radios e televisións portuguesas.
Concedido en anteriores ocasións
Neste senso, os nacionalistas manifestan que non hai moito tempo o Estado concedeulles un novo multiplex, "con catro canais, a Cataluña e Valencia por motivos culturais”. No caso do noso país, "estamos nunha situación similar, precisamos o multiplex por motivos culturais, forma parte do intercambio transfronteirizo entre Galiza e Portugal", considera o BNG. Xa que logo, afirman, o goberno español debe promover a sinatura dun protocolo de colaboración co Estado portugués.